SanidadeÚltima hora

Ourense xa conta con Interlocutores Policiais sanitarios para reducir as agresións no sector

O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, transmitiu a preocupación do Goberno Central polo incremento de agresións no sector sanitario e por iso están a levar a cabo estas medidas
Durante 2016 rexistráronse en toda España 486 feitos delituosos a sanitarios.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, fixo o anuncio na mañá de hoxe, 17 de novembro, que a provincia xa conta con dous responsables, un Garda Civil e un Policía Nacional, que representan a figura do “Interlocutor Policial Territorial Sanitario” para coordinar a aplicación de medidas encamiñadas a diminuír as agresións neste sector, tal e como aprobou a Secretaria de Estado de Seguridade para reducir as agresións a profesionais da saúde.

Segundo din dende a Subdelegación, nos últimos anos apréciase un incremento no número de actos violentos sobre este colectivo, sucesos que sobre todo aconteceron no sector da Atención Primaria e que consistían nos tipos penais de lesións, ameazas, coaccións ou inxurias. Durante 2016 rexistráronse en toda España 486 feitos delituosos, e entre 2011 e o ano pasado 2.688 profesionais da saúde foron vítimas dalgún tipo de agresión.

Este anuncio foi realizado tras a xuntanza levada a cabo esta mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense entre o propio subdelegado, o Tenente Coronel da Garda Civil, Jesús Gómez; o xefe da Brigada da Policía Xudicial, Demetrio Martínez; o presidente do Colexio de Médicos, José Luis Jiménez; e a presidenta do Colexio de Enfermería de Ourense, Ascensión Pérez.

Xuntanza.

Durante a xuntanza, Castro transmitiulle a preocupación do Goberno Central polo incremento de agresións no sector sanitario. Así, asegurou que “este é un paso importante para garantir a seguridade daqueles que velan pola nosa saúde”. Deste xeito vaise establecer un protocolo de actuación ante calquera agresión ou manifestación violenta e intimidación dirixida ao persoal sanitario. “A instrución 3/2017 dá resposta ás demandas de seguridade por parte do sector e é un mecanismo que lles proporciona maior protección e seguridade xurídica”.

No eido destes interlocutores Policiais Territoriais sanitarios, son tal e como incidiu Roberto Castro, “profesionais designados pola Garda Civil e Policía Nacional para lograr un contacto máis fluído e directo nos corpos de seguridade en caso de agresión”.

Do mesmo xeito, están a traballar na elaboración dun catálogo e unha clasificación de centros sanitarios; tanto públicos como privados, en función do seu “risco de acción delictuosa” e que quedarán xeorreferenciados; á vez que se desenvolve o establecemento de canles de comunicación permanentes coas autoridades sanitarias, as institucións públicas e as organizacións especializadas. Isto permitirá que tanto a Garda Civil como Policía Nacional reciban a información de forma coordinada, o que facilitará as investigacións e que tanto a resposta como a investigación sexan máis áxiles.

Así mesmo a instrución establece medidas preventivas que reforzarán os dispositivos de seguridade e a vixilancia na contorna dos centros sanitarios, mentres que no interior dos mesmos realizarase unha análise das agresións. Tamén se organizarán actividades formativas e informativas para que os profesionais poidan previr estas situacións e saiban protexerse.

Artigos relacionados

Back to top button