En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Ouro con toque valdeorrés na final do Eurobasket feminino

A selección española que dirixe Lucas Mondelo repite título europeo tras derrotar con claridade á selección de Francia nun espectacular partido por 86 a 66

Repetíase o rival e tamén o resultado. A selección española, que dirixe o técnico de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, volvía a enfrontarse a Francia na final dun Eurobasket feminino, desta volta en Serbia, e, novamente, saía vitoriosa. E de que maneira. Na tarde do 7 de xullo España loitaba por conservar o seu título europeo e deixábao xa moi claro nun primeiro cuarto brillante, con ata seis triples e que finalizaba cun marcador de 32 a 21.

Francia reaccionaba e trataba de recurtar distancias no segundo cuarto, pero no podía conter o ataque das xogadoras de Mondelo, nin a súa capacidade de rebote, nin a súa espectacular defensa, anticipándose ás xogadas galas e movendo moi ben o balón. E así chegábase ao descanso cun resultado de 50/36.

No terceiro cuarto a selección española ampliaba a súa vantaxe chegando a situarse 12 puntos por riba das francesas e completando o tempo cun marcador de 70/56. O derradeiro cuarto comezaba un novo triple de Marta Xargay (que sumaba ata cinco no encontro) e demostrando, unha vez máis, a conexión e a calidade de xogo en equipo das españolas, traballando cada xogada e loitando ata o último momento ata facerse definitivamente co ouro, sacándolle ademais vinte puntos de vantaxe ás galas.

Dese xeito, a selección de Mondelo demostraba ser outra vez o mellor equipo europeo, cun novo ouro, o cuarto nun Eurobásket feminino para España e o segundo de forma consecutiva. Deste xeito, a selección española de Lucas Mondelo continúa facendo historia.

Artigos relacionados

Back to top button