DeportesEn portadaÚltima hora

Ouro para os valdeorreses Leticia Gil e Carlos Revuelta no galego absoluto de atletismo

Ademais a barquense Belén García (Adas) facíase co bronce nos 400 metros valados
Leticia Gil e Carlos Revuelta, coas súas medallas no galego en Pontevedra./ Foto cedida.

Nova medalla nesta tempada para a saltadora de lonxitude Leticia Gil (Alcampo Scorpio 71), natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras). Facíase claramente co triunfo no campionato galego absoluto de atletismo en pista ao aire libre cun salto de 6 metros e 25 cms., con vento válido, o que supón un novo récord dos campionatos.

Ouro tamén para o barquense Carlos Revuelta (A.D. Marathon) neste competición no lanzamento de martelo, cunha marca de 58 metros e 6 cms., coa que superaba ao veterano lanzador vigués, Nacho Fernández, ganador das dúas últimas edicións.

Nestes galegos absolutos, celebrados o 20 de xullo en Pontevedra, había ademais máis representación valdeorresa. Era o caso das barquenses Belén García (Adas), bronce nos 400 metros valados, cun tempo de 1 minuto e 5 segundos; e Inés Docampo, que se situaba quinta nos 800 metros, cunha marca de 2 minutos e 19 segundos.

Por outra banda, levando as cores do Club Adas do Barco a fondista Sandra Mosquera vencía no 1.500 e era segunda no 5.000, en tanto que Lola Bouzas clasificábase terceira en salto con pértega.

E, dentro do colectivo de xuíces que controlaron este campionato, tampouco faltaba a representación valdeorresa. Entre eles estaba Montserrat Barrio, da Delegación Valdeorresa de Atlestismo.

 

Xuíces do campionato./ Foto: Federación Galega de Atletismo.

 

Artigos relacionados

Back to top button