ConcellosÚltima hora

Outarelo (O Barco) celebrará esta fin de semana a Festa de San Francisco Blanco

A procesión e misa maior serán o sábado 1 de febreiro ás 13 horas

Procesión coa imaxe de San Francisco Blanco en Outarelo o ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A localidade barquense de Outarelo celebrará esta fin de semana a festa na honra a San Francisco Blanco, avogado da dor de cabeza. Dende hao tres anos trasladouse do 5 de febreiro (día propio, o mesmo no que o crucificaron en Xapon) ata o primeiro sábado do mes, nesta ocasión, 1 de febreiro.

A novena comezou xa o 23 de xaneiro e estenderase ata o venres 31 ás cinco da tarde, e o día central será o sábado con misas cada hora dende as dez da mañá, aínda que o momento máis esperado polos devotos de San Francisco Blanco chegará ás 13h, cando, se a chuvia non o impide, dé comezo a procesión coa imaxe e reliquia (cráneo) do santo polo pobo, amenizada polo grupo de gaiteiros Celtas Largos, que rematará coa eucaristía na que o párroco lembrará a vida, obra e morte por crucifixión do mártir do Tameiron (A Gudiña). Durante a celebración, a reliquia do santo permanecerá á vista de todo o mundo para pasarlle as famosas rosquillas que poden aguantar todo o ano sen estropearse, ou simplemente pasar a man pola urna e incluso bicala.

Entre os numerosos fieis que acuden cada ano á cita están os diferentes grupos de amigos que se achegan ata Outarelo para asistir aos cultos e despois reunirse nas adegas do pobo e celebrar a súa particular festa con xantar incluído. Tamén diante do local social haberá caldeiros con polbo á feira e bebida. Ao día seguinte, domingo 3 de febreiro, haberá misa de San Antón ás 13:30 horas. O apartado musical da festa correrá por conta de Discomovida A Boa Festa.

Artigos relacionados

Back to top button