CulturaCulturaÚltima hora

O Outono Fotográfico presenta “Dai”, de Rojo Sache, no Marcos Valcárcel

Unha serie de fotografías que amosan a “Descrenza” a través dos crimes máis mediáticos, pero vistos dende un punto de vista onírico
Fotografía da mostra.

Rojo Sache, parella artística formada por Rosa Isabel Vázquez e Jose Antonio Fernández, presentan a súa obra fotográfica “Dai” dentro do Outono Fotográfico. Dende hoxe, 12 de decembro, esta mostra fotográfica atópase exposta na sala 0 do Centro Cultural “Marcos Valcárcel de Ourense”.

Este conxunto fotográfico é outra das reflexións sobre a “Descrenza” que achega o Outono Fotográfico, xa que esta é a temática central desta trixésimo quinta edición do festival internacional.

Cada peza que presenta Rojo Sache é o garante dun suceso acontecido con grande divulgación mediática e expectativa social. A parella artística sérvese das historias dos crimes máis coñecidos da prensa para documentalos nunha onírica representación na que a paisaxe pasa a ser unha testemuña silenciosa e até complica de feitos abominables. As localizacións xeran unha certa tensión derivada dun illamento que é quen de gardar terribles segredos, os que constrúen cada historia.

Malia partir de historias tiradas dos xornais, Rojo Sache trata de non dar demasiadas pistas, mantendo o misticismo e interese en torno á historia. Só introducen pequenos elementos e accións que son cruciais para identificar, eliminando o resto para acadar unha imaxe onírica que ben podería ilustrar un conto ou até ser pendurada no propio despacho de quen xulgou aos asasinos sen percibir o que a imaxe entraña.

Artigos relacionados

Back to top button