SociedadeÚltima hora

Outra forma de colaborar durante o estado de alarma pola pandemia

O Concello de Xinzo anima a facer mascarillas na casa para doar aos que "seguen traballando para protexernos do coronavirus"

 

A escaseza de mascarillas de protección está a converterse nun grave problema, especialmente para o persoal sanitario, pero tamén para as persoas que trallaban nos servizos públicos ou nas actividades consideradas esenciais que se manteñen durante o estado de alarma. Empregados dos supermercados, farmacias, gasolineiras, estancos, os traballadores municipais, Policía Local, Protección Civil, Garda Civil e, por suposto, todo o persoal sanitario que poderían ter problemas para conseguir mascarillas.

Por iso, para tratar de axudar, e dada a situación de confinamento na que se atopan a inmensa maioría de cidadáns, dende o Concello de Xinzo de Limia impulsan unha iniciativa que consiste en facelas artesanalmente dende a casa. “Serían para uso propio se fora preciso, aínda que na maior parte dos casos non sexan necesarias, pero sobre todo para doar ás persoas que están traballando para protexernos do coronavirus, expoñéndose a resultar contaxiadas”, explican dende o ente municipal.

Aínda que hai moitos titoriais que explican como facelas, dende o Concello de Xinzo elaboraron unha sinxela guía gráfica, para facilitar a tarefa a quen queira sumarse a esta iniciativa, recomendando tamén a utilización de tea (preferiblemente algodón), pois poden lavarse cada día e reutilizarse.

A recollida das máscaras realizarase por persoal do Concello ou por voluntarios de Protección Civil, previo aviso por parte de cada fogar, establecéndose en cada caso a fórmula de entrega que mellor garanta o cumprimento das directrices do Estado de alarma. “Se te apuntas a participar nesta iniciativa, sube ás túas redes sociais unha foto coa primeira mascarilla que fagas co hastag #XinzoFaiMascarillas, para que así se animen tamén outras veciñas e veciños”, conclúen dende Xinzo.

 

Instruccións para elaborar mascarillas en casa.

Artigos relacionados

Back to top button