EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Paadín e Peñín desvelan os segredos dos viños da D.O. Ribeira Sacra e da IXP Terras de Navia

Esta tarde ofrecían por vez primeira unha conferencia conxunta no Pazo de San Marcos de Lugo, seguida dun Túnel do Viño cun cento de referencias

 

Nos viños que poboan toda a provincia lucense, de norte a sur, poñían o foco dous mestres como Luís Paadín e José Peñín, por primeira vez xuntos compartindo charla e escenario como deferencia aos produtos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e da Identificación Xeográfica Protexida “Terras de Navia” no Pazo de San Marcos de Lugo.

A este xornada, promovida pola Deputación de Lugo e Paadín Eventos, acodían máis dun centenar de persoas, moitos profesionais do ramo, pero tamén cidadáns que quixeron sumarse a esta iniciativa. O acto encetábase coa intervención da deputada provincial de Réxime Interior, Promoción e Turismo, Pilar García Porto que resaltaba o feito de estes dous expertos ofrecezan por vez primeira “unha conferencia de maneira conxunta sobre os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, caracterizada pola súa viticultura heroica, e da Indicación Xeográfica Protexida “Terras do Navia”, que recupera a tradición vinícola da Montaña Lucense”.

Na súa conferencia, os dous críticos máis respectados a nivel galego e español desvelaron os segredos que esconden os viños lucenses. E non quedaron na Ribeira Sacra, coas súas cinco subzonas (Amandi, Chantada, Quiroga- Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil) senón que na súa particular peregrinaxe polo Camiño de Santiago dos viños en Lugo tamén se foron ás 12 parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna, así como na totalidade da localidade de Negueira de Muñiz, onde se forxan os caldos de “Terras de Navia”.

Na súa amena disertación, Paadín e Peñín aludiron non só ao éxito dos viños lucenses entre os expertos, con numerosos premios internacionais no seu haber, senón que fixeron fincapé en que os seus primeiros disfrutadores e consumidores son os propios lucenses, “e iso non pasa en todas partes”, tal e como destacou Luís Paadín na conferencia. Pola súa banda, José Peñín sinalou que “pola súa calidade e singularidade, os viños de Lugo non deberían de baixar dos 15 euros a botella”. Tamén comentaban a contorna tan especial e única das zonas de cultivo dos viños lucenses, “tanto os que forman parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como os da IXP Terras de Navia”. Para Paadín e Peñín, a provincia esconde auténticos tesouros vinícolas e proxectos de gran interese “impulsados por xente que ama o viño, o que é unha sorte”.

 

 

Túnel do Viño con 106 referencias

Tras a teoría, a práctica. E o mellor broche de ouro para esta fornada foi un orixinal Túnel do Viño do que puideron gozar os presentes, que exerceron de catadores de máis de 100 viños da provincia de Lugo. Unha oportunidade única de paladear o bo facer dos adegueiros lucenses, que colaboraron de forma entusiasta con esta iniciativa de promoción.

Nas catas, plasmáronse os ensinos previos dos especialistas. Luís Paadín resolveu o enigma do porqué da calidade dos viños lucenses, que se debe a “unha climatoloxía, uns chans, unha diversidade e unha historia máis que destacada”. E non dubidou en asegurar que Lugo é “a columna vertebral das variedades orientais de Galicia. Desde o norte, pegado case ao Cantábrico, ata o sur, co tronco das variedades ancestrais”.

De feito, as numerosas persoas que se achegaron ata A Deputación exerceron como auténticos profesionais da cata grazas a un “Kit” co que foron obsequiados á entrada do Túnel con todos os elementos necesarios para participar nesta actividade como incipientes catadores. Non faltaron os cadernos que incluían unha ficha por viño para que plasmasen a súa experiencia e lembrar posteriormente cales foron os mellores segundo o seu criterio.

Protagonistas

Luís Paadín, técnico en Vitivinicultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo, é membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e da Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia, así como da Asociación de Lagares Rupestres de España. Luís Paadín é autor, xunto ao seu fillo Alejandro, da Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia, elixido terceiro Mellor Libro do Mundo de Historia das Bebidas (2018), Premio Especial do Xurado como Mellor Libro de Bebidas do Mundo (2017) e Mellor Libro de Viño e Turismo de España 2013. Así mesmo, a guía de Luís e Alejandro Paadín recibiu en 2018 o Premio de Gastronomía de Galicia pola súa contribución á promoción dos produtos gastronómicos.

José Peñín Santos está considerado como o escritor de viños máis prolífico de fala hispana e un dos xornalistas e autores máis experimentados en materia vitivinícola, decano da profesión e o máis coñecido a nivel internacional. Creador da guía de viños ” Guia Peñín”, o referente máis influente no comercio internacional de viños españois e a máis consultada a nivel mundial, o que lle converte nun influente prescritor de opinión en torno ao viño. Peñín percorreu case todos os viñedos do mundo e compaxina o seu labor como embaixador da guía que creou coas súas achegas como conferenciante, consultor e catador de recoñecido prestixio.

Ambos os protagonistas son membros de diferentes xurados internacionais.

Artigos relacionados

Back to top button