DeportesÚltima hora

Pablo Diéguez está a unha etapa de completar a Titan Desert máis dura da historia

O ciclista valdeorrés compite co equipo Tres Lunas na categoría elite
Pablo Diéguez con Josep Betanlú, líder da carreira.

Cansado, emocionado, sorprendido e expectante. Son algunhas das sensacións que ten a estas alturas Pablo Diéguez Cerdeira, o valdeorrés que se embarcaba hai cinco días na aventura deportiva máis espectacular da súa vida: a Titan Desert.

Tal como el mesmo explica, nada máis chegar a Marrocos os seiscentos “titanes” inscritos nesta edición da carreira ciclista polo deserto eran recibidos por un forte vento, sufrindo xa esa noite cambios bruscos de temperatura. E xa o 29 de abril arrancaba a carreira coa primeira etapa polo Atlas na que se atopou cun problema. “Pequei de principiante deixando os xeles e sales para a hidratación, e aínda así acabei ben”, di Pablo, recoñecendo que está facendo uns tempos que non esperaba. “Foi unha etapa moi dura pero preciosa”, asegura.

A segunda foi a temida maratón, na que tivo outro percance. “Perdéronme o saco coa esterilla e tiven que durmir sobre unha alfombra no chan tapado con dúas toallas co cal ao día seguinte tiña as costas tocadas”. Pero lonxe de desistir, o corpo de Pablo vai cada día a máis e trala terceira etapa, tamén dura sobre un terreo pedregoso, chegaba a cuarta e con ela o deserto e a navegación. “Era algo novo para min e sorprendeume o ben que se me deu”.

Hoxe, 3 de maio disputábase a etapa raíña pasando por lugares espectaculares que remataba en 5 horas 20 minutos e nunha posición coa que nin sequera soñaba cando tomaba a decisión de participar na carreirapara completar unha etapa da súa vida e levar o nome da súa comarca, Valdeorras, polo mundo. “Mañá non sei o que vou sentir pero será espectacular se consigo a “pedra”, o trofeo. Volverei como un home novo e verei as cousas doutro xeito porque xa pasei polo que pasei no seu día e a nivel deportivo isto é moi duro pero precioso”.

Merzouga será o punto de partida da etapa final cun principio rápido por pistas algo arenosas que darán paso a un percorrido pedregoso e en pistas bastante deterioradas. E antes de chegar á meta, tocará atacar un pequeno cordón de dunas que porá a guinda á Titan Desert 2018.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button