EntrevistasÚltima hora

Pablo Fernández: “Para os alemáns o muro de Berlín segue sendo moi importante por moitos motivos”

Este profesor valdeorrés, que leva uns 15 anos vivindo na capital alemá, relata o que significa para os berlineses esta construción que os separou durante décadas e de cuxa caída se cumpren agora 30 anos

Pablo Fernández camiñando xunto a un dos restos do muro de Berlín (Alemaña)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Era una estrutura de hormigón cuns 120 quilómetros de lonxitude e uns 3 metros de altura que separaba ao longo de tres décadas a cidade de Berlín en dúas zonas, en dous países, en dous sistemas políticos e económicos moi diferentes. Ese muro derrubábase na noite do 9 de novembro de 1989 e un ano despois tiña lugar a reunificación de Alemaña.

Trinta anos despois Alemaña e tamén o resto do mundo conmemora ese feito histórico, que supuxo ademais importante paso de cara á desaparición da Unión Soviética. O muro segue cargado de historia para os alemáns que están vivindo de xeito especial esta efémerede, tal e como conta nesta entrevista o valdeorrés Pablo Fernández Núñez, que vive dende case quince anos en Berlín, onde exerce como profesor.

Aínda que daquela era un neno, ¿garda algunha imaxe persoal ou algún recordo do momento no que se produciu a caída do muro de Berlín en 1989?

A imaxe máis clara e permanente que gardo da caída do muro, é por suposto a dos alemáns rubindo ata o alto e inexplicablemente quedándose aí. Aínda que eu era moi novo, todo o mundo sabía que estaba a acontecer algo moi importante, pero ninguén tinha nin idea de qué. O que eu pensaba era: por qué lles da por estar no alto dese muro e cómo é posible que os rusos o permitan. Porque daquela o imaxe que se tiña da Unión Soviética era a de unha potencia enorme, ameazadora e indestrutible, na que non había posibilidade de cambio ou de incertidume. Polo tanto, tampouco ía a estar disposta a deixar que algo así pasara, ao contrario, se alguén tiña que tirar co muro, eran os rusos para arrolarnos a todos cos seus tanques e misiles.

 

O valdeorrés Pablo Fernández, en Berlín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Polo tempo que leva vivindo en Berlín, ¿que cres que significa ou simboliza para os alemáns de hoxe os restos deste muro? ¿e para os visitantes?

Para os alemáns o muro segue sendo moi importante por moitos motivos. O primeiro é que aínda é algo moi recente. Case toda a xente que eu coñezo viviu cando o muro existía, sentiron en primeira persoa o cambio que trouxo a Caída, a memoria está ben fresca. O segundo é que todos saben que a caída do muro tivo consecuencias a nivel mundial: o mundo do século XX trastocouse por completo e agora estamos nun punto que daquela sería impensable. Ese día simboliza por unha banda a vitoria da liberdade, pola outra, a decepción das oportunidades perdidas: todos pensaban que entrábamos na era da paz perpetua e da xustiza, e agora ben vemos que estamos camiñando exactamente na dirección oposta. Sen embargo, séntense con razón orgullosos de que o que acabou coa tiranía en moitísimas nacións foi una revolución pacífica que eles empezaron, sen pegar un tiro, exercendo de cidadás por primeira vez en 40 anos. Pola outra banda, se se gañou moito, tamén se perdeu moito e por iso hai unha cara amarga moi presente: para a Alemaña Oriental a caída trouxo liberdade, pero tamén desamparo, desestruturación social, pobreza e desesperanza.

Para os visitantes é un lugar, especialmente a porta de Brandenburgo, no que hai que sacarse unha foto. Todos saben que é un sitio importante, pero seguro que moitos pensan, habida conta de que non é moi espectacular, que non paga a pena ir aí máis que polo Instagram…

 

 

¿A separación entre os dous Berlíns segue estando presente na sociedade, tanto na xente maior como nas novas xeracións, ou é algo que xa forma parte do pasado, aínda que sexa recente, da cidade?

A separación existe e é percíbese hoxe tamén con claridade. Os barrios do Leste onde se concentra a poboación local, son distintos, a súa composición social varía motio da dos barrios do Oeste, cun poder adquisitivo maior, con mellores traballos e outra mirada cara o pasado e o futuro. Na antiga Alemaña Oriental hai pouco traballo, a xente nova marcha, e só quedan os traballadores pouco cualificados ou os vellos, que perciben en moitos casos unhas pensións moi baixas. O descontento medra e exprésase de moitos xeitos, percíbese no ambiente e é unha experiencia viaxar no metro dun lado a outro, porque a xente que entra nel cambia por completo segundo o barrio. Unha cousa máis: os Berlineses Occidentáis, os de verdade, van pouco a o Leste, e a inversa o mesmo…

 

Espectáculo visual no Muro./ Foto: Pablo Fernández Núñez.
Festa nun dos antigos pasos fronteirizos (Glienickerbrücke, a Ponte dos espías)./ Foto: Pablo Fernández Núñez.

 

¿Como está vivindo a cidade os 30 anos da caída do muro? ¿hai actos, conmemoracións especiais a nivel institucional, cultural, nos colexios?

Sempre hai moitos actos e hai que ter en conta que en Alemaña é costume celebrar con máis maracas os cumpreanos “redondos”, é dicir, os que rematan cun cero. En Berlín é sempre un día moi especial, extraordinario, con moitas rúas abertas só os peóns, con concertos, exposicións, actuacións na rúa, actos conmemorativos de todo tipo, todo nun ambiente festivo e sorrinte, optimista e ledo. A iso engádese que o 9 de Novembro é tamén a Noite dos Cristais Rotos, o Progromo do ano 1938, polo que asemade lémbrase os cidadás de Berlín que por ser xudeus foron asasinados. En fin, visto que a Historia en Berlín está tan presente, como foi aquí onde pasaron tantas cousas e fai tan pouco tempo, todo o mundo está implicado dun xeito ou doutro, anque sexa por uns minutos todos aproveitan para alegrarse e para pensar no que foi e tamén no que puido ser.

Texto: A.R.

 

Anacos do muro na cidade./ Foto: Pablo Fernández Núñez.

Artigos relacionados

Back to top button