Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Pablo Salgado: “Imos apostar polo rural, por investimentos sostibles, polo turismo”

O candidato socalista á alcaldía de Viana presentaba a súa lista nun acto no que estivo acompañado por Xoaquín Fernández Leiceaga, Noela Blanco e Alfredo García

Á beira da torre medieval de Viana do Bolo tiña lugar na tarde do 11 de maio a presentación da candidatura socialistas ás vindeiras eleccións municipais neste concello. “Dende o século IX sobre esta mesma terra estivo unha fortaleza que foi destruída e reedificada ata chegar ao día de hoxe”, destacaba o cabeza de lista do PSdeG vianés, Pablo Salgado ao inicio da súa intervención.

Nela criticaba as xestións dos gobernos municipais anteriores, “que non crearon solo industrial, ninguén se preocupou polo turismo, o museo da torre da homenaxe leva pechado 15 anos, o encoro non se explota… Necesitamos xente aberta para gobernar este concello, necesitamos un alcalde de aquí ao que lle doa a alma cada vez que se pecha un negocio”, dicía.

Salgado falaba ademais de que o proxecto que defende a súa candidatura é “é sinxelo, trátase de traballar para todos os vianeses, traballar con constancia, dedicación e honradez. Imos apostar polo rural, por investimentos sostibles, que traian turismo, non poñer parches. Temos moitas cousas por facer porque outros non as fixeron antes como crear solo industrial porque veñen aí unha serie de acontecementos como a mellora das comunicacións por internet e a chegada do AVE á Gudiña, e nós estamos nun punto estratéxico, que nos sitúa preto de Madrid e doutras cidades importantes. Temos potencial”.

 

Pablo Salgado, na súa intervención.

 

O candidato vianés completaba un turno de intervencións que iniciaba a deputada socialista no Parlamento galego Noela Blanco, que amosaba o seu convencemento de que “Pablo vai ser alcalde” e pedíalle aos vianeses “que votasen co corazón para enchar as urnas de políticas para a xente”. Deseguido, o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, insistía nesa mesma idea solicitando aos presentes que “o 26 de maio apostedes por un partido que vai facer unha política inclusiva, transformadora e pensando no futuro”.

Tamén tomaba a palabra Xoaquín Fernández Leiceaga, presidente do PSdeG, recordando que a do 26 de maio será unha dobre cita: para as eleccións locais e europeas. “En ambas xogámonos moito”, resaltaba. E no caso da provincia de Ourense subliñaba que “temos unha tarefa pendente: acabar co dominio político que ten a familia Baltar sobre a provincia. É a única provincia de Galicia onde o dominio do PP foi ininterrumpido durantes estes anos e temos que conseguir cambiar iso, e é posible facelo”. Tras el falaba o alcalde do Barco e candidato socialista á reelección, Alfredo García, quen facía fincapé tamén en que “estas eleccións teñen o compoñente da Deputación” e indicaba que os vianeses teñen “en Pablo tedes ao alcalde ideal, leva a Viana no corazón”.

O acto concluía coa presentación do conxunto da lista do PSdeG-PSOE. “Preséntome co mellor equipo, non estou eu só, senón que estou rodeado doutras persoas que viven e aman de verdade este pobo”, indicaba Pablo Salgado xusto antes de mencionar un a un ao total de membros da candidatura que se ían levantando para acompañalo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Candidatura socialista en Viana do Bolo

 

Artigos relacionados

Back to top button