SanidadeÚltima hora

O PAC do Barco é o cuarto da provincia que máis urxencias atende sen contar o de Ourense

A EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras deu conta hoxe dos datos acadados no 2017 da actividade asistencial na provincia
Dionisio López Vellido. // Foto: Carlos Asensio.

Rematado o ano e xa entrado o 2018, a EOXI de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras fixo hoxe, 2 de febreiro, balance dos datos da actividade asistencial do pasado ano. Estes datos foron presentados polo xerente da EOXI, Dionisio López Vellido, que cualificou esta unidade de xestión domo “a mellor de Galicia”.

Os datos si que amosan que Ourense supera á media galega en certos aspectos. Por exemplo nas listas de agarda en Cirúrxica e as consultas. Concretamente en Cirúrxica a media galega é de 65,3 días, mentres que a ourensá é de 43,4 e sendo Vigo a que máis tempo acumula con 88,6 días. En canto ás consultas, Ourense, Verín e O Barco acumulan unha media de 39,4 días, fronte á media galega de 46,6 días. O dato máis alto da comunidade neste campo é Ferrol, que suma 61,8 días. “Temos o menor número de pacientes en agarda das EOXI e debemos estar orgullosos diso”, dixo López Vellido. Para rematar, nas probas diagnósticas (TAC, resonancias, radioloxía, endoscopias…) o xerente recalcou que “temos cinco días menos da media de agarda” a nivel galego para recibir os resultados.

As Urxencias é outro dos temas que máis interese e polémicas xera. Segundo os datos achegados pola EOXI, os ourensáns saben usar este servizo xa que a atención nos PAC (Punto de Atención Continuada) supera ás urxencias hospitalarias en case un 20% no conxunto da provincia. E, concretamente, os valdeorreses tamén presentan esta liña de comportamento xa que as urxencias atendidas no PAC foron de 17.591, mentres que no Hospital Comarcal atenderon 12.470. Isto fai que o PAC do Barco sexa o cuarto, sen contar o de Ourense, dos 13 da provincia, que máis urxencias atende, só por detrás do do Carballiño (20.227), Xinzo (19.020) e Verín (18.859).

Atencións nos PAC da provincia. // Fonte: SERGAS.

No eido das intervencións, no Comarcal do Barco realizáronse 2.515 das cales 1.252 foron sen ingreso. Pola súa banda, no CHUO fixéronse 19.326, sendo 7.465 sen ingreso hospitalario.

Sen saíres do campo dos ingresos, Dionisio López Vellido quixo salientar os 1.182 ingresos a domicilio (HADO) dos 36.646 de toda a provincia. No Hospital do Barco rexistráronse 3.505 ingresos, dos cales a meirande parte foron urxentes, como sucede en todos os hospitais ourensáns.

Outro dos puntos importantes son as consultas e a Atención Primaria. Neste campo o xerente da sanidade ourensá puxo un punto de inflexión nos profesionais, “como a entrada ao sistema”. Neste eido recalcou o concepto de “multidisciplinariedade e innovación”, é dicir, “traballar en conxunto todos os especialistas; facultativos, técnicos, enfermería…”, dixo, é algo no que “en Ourense nos podemos permitir o privilexio de poder facelo”.

No eido das cifras, os datos reflicten que houbo 4.038.590 consultas, é dicir, “13 consultas por cada ourensán”, sendo a Atención Primaria a maioritaria, co 80%, e a hospitalaria o 15%. E, dese total, máis da metade foron médicas (Médico de Familia, Pediatras, Odontólogos…); o 30% de Enfermería e o 17% entre as de Fisioterapia, Traballores Sociais, Hixiene Bucodental ou Farmacia. Neste bloque tamén hai que engadir a”e-consultas” ou consultas telefónicas, que foron case 15.000.

Facer un “crack”

Tendo en conta todos estes datos, Dionisio López Vellido aseverou que “debemos de estar moi orgullosos e pouco satisfeitos” xa que, por exemplo, nos tempos de agarda “terían que ser cero días para recibir un resultado”. Asemade, resaltou que “temos que facer un crack” e cambiar as zonas do Hospital. “É algo que está en construción”, dixo, e que actualmente “só están construídas dúas das catro fases” e recalcou que “hai que seguir traballando para conseguir o hospital que queremos” e que por iso estase levando a cabo un Plan Funcional xa que “esta estrutura non é a definitiva”. Así é todo, amosouse “moi orgulloso” de todos os profesionais “que fan Sanidade”, referíndose non só aos facultativos, senón tamén aos técnicos, condutores de ambulancias etc.

Dionisio López Vellido tamén falou da xuntanza que vai manter a vindeira semana cos empregados do CHUO para abordar os temas da redución de camas. Segundo adiantou será o martes ou o mércores e reiterou que “a miña porta sempre está aberta”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button