Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Pachi Vázquez (PSOE) avoga por reforzar as comarcas e incluílas dentro do Comité Provincial

O precandidato apelou á “unidade” e que os concelleiros, parlamentarios, deputados e senadores dean contas a este comité provincial

O precandidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Pachi Vázquez, mantivo hoxe, 29 de novembro, un encontro coa militancia para trasladar as súas propostas de cara aos comicios vindeiros. O candidato estivo arroupado por varios socialistas destacados da provincia como María Quintas; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega ou o deputado provincial Francisco Fraga. O candidato pediu “unidade” e que o seu proxecto é crear “un espazo común socialista no que caiban todas as ideas”.

Asemade, propuxo a creación dun comité provincial “no que rendan contas os concelleiros, parlamentarios, deputados e senadores do que fixeron” e apostou por “reforzar as comarcas”, e que os seus representantes estean dentro dese comité. Tamén anunciou que nos vindeiros sete días “imos ir ás comarcas a facer conversas coa militancia” para saber o que queren.

Vázquez arrancou o seu discurso aseverando que el si que quería mirar ao pasado “porque somos homes e mulleres que dedicamos unha vida enteira a unha idea”. O candidato asegurou que o recentemente escollido secretario xeral, Gonzalo Caballero, “ten todo o meu apoio” e reiterou que para que Galicia teña un socialismo forte “Ourense ten que ter un socialismo forte”. Sen saíres do tema de Caballero, Pachi Vázquez díxolle á militancia que “hai que apoialo todo o que a min non me apoiaron”.

O precandidato provincial aseverou que “hai que dar a volta a ese sentimento rupturista” que teñen os socialistas na provincia e reiterou que “é lexitimo opinar os uns dos outros” pero no que  atinxe á provincia “temos que remar todos xuntos” xa que o obxectivo ten que ser “gañar”.

Por este motivo, Pachi Vázquez foi contundente ao asegurar que vai ter “tolerancia cero” con aqueles compañeiros que emitan descualificareivos publicamente contra outros compañeiros de partido.

Cambiando de terzo e xa entrando en materia de avais. O precandidato aseverou que “temos centos e centos de avais” pero tamén aproveitou a ocasión para “mandar un abrazo socialista” aos outros candidatos, reiterando que “temos que percorrer unha parte do camiño xuntos”.

Asemade, o socialista apostou por “pasar páxina” sobre todo nos temas relacionados coas listas. “Que non cambiemos as listas elixidas polos militantes”, dixo. Tamén reiterou que un xeito de pasar páxina, “e un exercizo de saúde mental”, é esquecer os resultados das pasadas eleccións autonómicas. A pesares de todo, Vázquez foi crítico asegurando que “outros non nos veñan a dar leccións de renovación”.

Finalmente, animou á militancia e aos candidatos a que non estean “ao amparo da sede” senón que o socialismo, dixo, ten que estar “nas rúas, nos actos deportivos, sociais culturais”. O discurso culminou co candidato asegurando que vai tender unha man aos outros candidatos para ver o que lles une “porque o espazo común socialista é diálogo, xenerosidade e debemos sumar dentro para vencer ao Partido Popular”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button