DeportesPiraguismoÚltima hora

Padexeiros do Fluvial Barco, entre os asistentes ás xornadas de tecnificación celebradas en Muíños

 

A Federación Galega de Piragüismo (FGP) organizaba nesta semana unhas xornadas de tecnificación no formato de concentración para un total de 15 deportistas ourensáns. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa específico de tecnificación e seguimento destes deportistas que vén desenvolveno no conxunto de Galicia a FGP nesta tempada, “a fin de supervisar e contribuír a unha boa evolución competitiva dos padexeiros destas idades”, segundo destaca a entidade.

Estas xornadas tiveron lugar no embalse das Conchas no complexo turístico-deportivo O Corgo de Muíños, e leváronse a cabo co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración do Concello de Muíños.

Nelas participaban 7 nenos e 8 nenas de todos os clubs da provincia, de idades comprendidas entre os 13 e 15 anos, no grupo que a FGP denomina “Novas Promesas”, que estiveron acompañados por 3 adestradores da FGP.

 

 

Foi a federación galega quen solicitou expresamente esta ubicación no Concello de Muiños, xa que nesa lámina de auga se están a celebrar os campionatos galegos de de novas promesas.

“Dende a FGP queremos agradecer publicamente á Deputación de Ourense e o Concello de Muíños, esta oportunidade que nos brindaron para conseguir a mellora do nivel competitivo dos piragüistas ourensáns, nunha clara aposta por parte destas dúas administracións públicas polo deporte de base con proxección futura”, destaca a federación galega.

Estas xornadas de tecnificación celebráronse baixo o protocolo federativo que se aplica en todas as competicións de piragüismo en Galicia, onde se extreman as medidas hixiénico-sanitarias.

Fotos: FGP.

Artigos relacionados

Back to top button