DeportesÚltima hora

Paixón pola bicicleta

O grupo cicloturista Plato Fondo de A Coruña, percorre a comarca de Valdeorras no seu 20º aniversario
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

De pobo en pobo, de concello en concello, de comarca en comarca. Ao longo dos vinte anos que pasaron dende a súa creación en 1993, o grupo cicloturista Plato Fondo con sede en A Coruña, leva percorrido todos e cada un dos municipios galegos.

O particular mapa deste grupo, que ten nas rutas en bicicleta unha das súas principais afeccións, achegábaos a comezos de setembro ata Valdeorras, onde pasaron cinco días de ruta polas súas paraxes, coñecendo os pobos e ás súas xentes.

Tal como eles mesmos explican xa estiveran na comarca valdeorresa no 2002, percorrendo os concellos de O Bolo, A Veiga, A Rúa, Petín, Larouco, O Barco, Vilamartín e incluso os de Chandrexa de Queixa e P. de Trives, faltándolles Rubiá e Carballeda. Esa foi a razón pola que este ano, no que celebran o 20º aniversario, decidían achegarse de novo a estas terras, organizando unha marcha formada por cinco etapas, centradas especialmente neses dous concellos ourensáns, aínda que tamén pedalearon por outros.
O primeiro día completaron un total de 61,8 qms. por Arcos, Córgomo, Barxeles e San Vicente de Leira, sempre con saída e regreso ao Barco. O segundo día (67,69 qms.) a ruta levounos por Sobradelo, San Xusto, Puente de Domingo Flórez, Salas de la Ribera, Peñarrubia, Carucedo e Las Médulas. Na terceira etapa (47,67 qms.) o paseo foi por Rubiá, A Veiga de Cascallá, O Vao, Biobra, Vilardesilva, Pardollán, Quereño, de novo Puente de Domingo Flórez e Sobradelo, e Éntoma.

Na cuarta etapa, a máis curta por mor dunha treboada, completaron o percorrido dende O Barco pasando por Arnado, Penouta, Petín e A Rúa, regresando pola Proba (34,28 qms.). E xa na quinta e última etapa (54,76 qms.) volveron por algún dos pobos de Rubiá percorridos na terceira, pero chegando ata Real, Robledo, Santo Tirso de Cabarcos e Oulego cos seus “Penedos” que encantaron aos coruñeses. “É un sitio precioso pero quedei sorprendido porque moi pouca xente de aquí o coñece” di José Luis Leis, presidente do club ciclista.

Leis si que coñece practicamente tódolos pobos da comunidade grazas aos centos de quilómetros que levan ás costas tanto el coma o os membros do grupo que participaron nesta aventura: Calviño, Castro, Carré, Cobas, Fleis, José Ángel, Juan, Leis, Marcos, Paco Bombero, Paco Vigo, Serafín e Ventín. Xuntos, forman un grupo agradable, tranquilo e falangueiro que gosta de andar en bici, pero tamén da boa gastronomía “gústanos implicarnos coa xente, pasear e visitar lugares destacados, ir de bares, en definitiva darlle vida ao pobo” di o presidente, facendo fincaré no espírito que os move: disfrutar da bicicleta, sen competicións, sen carreiras, sen presión, coñecendo cada fermoso recuncho da xeografía galega, compartindo charlas, viños e merendas coas súas xentes, que os reciben cos brazos abertos.

Texto: Mónica G.Bellver Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button