EconomíaEconomíaÚltima hora

Panamá volve a Xantar con restaurante, showcookings e catas de café e ron

O Club Gastronómico Panamá e o NADEH lideran esta participación e traerán até Expourense unha vintena de profesionais
Panamá foi o país convidado na pasada edición de Xantar.

Panamá volve a Xantar tras seres o país convidado na pasada edición do 2017. Dende Expourense aseguran que este país quixo seguir vinculado ao salón Internacional de Turismo Gastronómico e volverá estar presente na próxima edición, que se celebrará en Ourense entre o 31 de xaneiro e o 4 de marzo. A participación de Panamá está liderada polo Club Gastronómico de Panamá, que é o representante do país na Asociación Mundial de Chefs, e polo INADEH (Instituto Nacional de Formación Profesional e Capacitación para o Desenvolvemento Humano) que desprazará ata Xantar a instrutores e estudantes. En total, espérase a unha delegación integrada por unha vintena de persoas.

Xunto a Portugal (país convidado desta edición), Panamá será un dos protagonistas de Xantar 2018. Contará cun restaurante que ofrecerá un menú que integra a tradición culinaria autóctona coa fusión de culturas. Os pratos que compoñen o menú serán explicados ademais por prestixiosos chefs do país que impartirán showcookings en directo. Esta participación completarase coa cata de dúas dos seus produtos máis emblemáticos: o café e o ron. Para gozar destes sabores, organizouse tamén unha Noite Panameña que terá lugar o mércores 31 de xaneiro e que incluirá música e degustacións de Ron O Avó.

Desde o Club Gastronómico de Panamá informan que “é emocionante vivir a experiencia por segundo ano consecutivo e ver a un grupo tan versátil traballar xuntos e sentirse responsables por perfeccionar cada detalle co único obxectivo de facer unha excelente representación e promoción de Panamá”. Os Chefs Patrice Jaumon, Camilo Hoyos, Paola Meneses, José Rivera e Eladio García serán os representantes do Club en Xantar 2018.

En canto ao menú que vai presentar Panamá, este trae un ceviche canalero (peixe con leite de coco con lascas de plátano verde); patacón “pisao” coroado con roupa vella; chupé de mariscos ao curri; poio santeño con puré de tubérculos e, de sobremesa, arroz con leite e cacao crocante de pebida de marañón. Todo iso maridado con pan e viño e a un prezo de 25 euros.

Artigos relacionados

Back to top button