PolíticaÚltima hora

Pancho Casal: “A provincia de Ourense debe desenvolver alternativas renovables para garantir un futuro despois da lousa”

O candidato da Marea Galeguista á Xunta de Galicia comparte nesta entrevista as súas sensacións e expón as liñas centrais do seu programa en relación coa provincia de Ourense

Pancho Casal, candidato de Marea Galeguista á presidencia da Xunta de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Enxeñeiro industrial e produtor audiovisual (con varios premios Goya), Francisco Casal Vidal (A Coruña, 1955), coñecido como Pancho Casal, é o candidato da Marea Galeguista á presidencia da Xunta nas eleccións do 12 de xullo. Esta non é a primeira vez que participa nunhas eleccións galegas, no 2016 resultaba elixido como parlamentario por En Marea pola provincia da Coruña.

Xa recta final da campaña, Pancho Casal confésase ilusionado e asegura que ten moi boas sensacións de cara a cita coas urnas do vindeiro domingo, que considera de vital importancia para Galicia. “O que decida o vindeiro goberno da Xunta sentará as bases de futuro para atender a estas cuestións fundamentais, que determinarán como seremos como país”, destaca.

Casal considera que a provincia de Ourense sofre “singularmente as consecuencias de anos e anos das políticas do PP: despoboamento, falta de oportunidades, desemprego, etc.”, e dende Marea Galeguista plantexa “reverter esa situación, queremos asentar servizos para potenciar un rural vivo e con futuro”.

– Esta é a súa primeira campaña como candidato á presidencia da Xunta, xa estamos na recta final, que sensacións ten?

Comecei esta campaña ilusionado e continúo mantendo esa ilusión. Teño moi boas sensacións, nestas semanas tivemos case cen xuntanzas con diferentes colectivos nas que compartimos propostas, valoracións e opinións para reconstruír o país.

Debido á situación tralo COVID-19, esta campaña foi diferente ás anteriores, o que para min tivo algo moi bo: eu non son de dar mitíns dende un atril, a min gústame conversar en pé de igualdade, e dadas as circunstancias, dende a Marea Galeguista propuxemos unha campaña centrada en pequenas xuntanzas, e foi o que fixemos. Todas as xuntanzas foron moi enriquecedoras por empregar ese formato, que me permitiu coñecer as vivencias de moitas persoas.

A Marea Galeguista representa unha forza galeguista, transversal e sen dependencias de Madrid, unha forza que encabezo eu, pero da que formamos parte moitas persoas que cremos nunha nova normalidade máis xusta e sustentable pola que merece a pena loitar.

 

 

– ¿Por que estas eleccións son máis importantes que outras anteriores?

En Galicia vivimos unha emerxencia climática, feminista, social e sanitaria e temos o sistema público ao límite dos seus recursos. O que decida o vindeiro goberno da Xunta sentará as bases de futuro para atender a estas cuestións fundamentais, que determinarán como seremos como país. Tamén xestionará os fondos de reconstrución, dos que a Galicia lle corresponden uns 10000 millóns. Esas tarefas non as pode facer o PP, que xa demostrou a súa falta de interese no futuro do país.

– Pola súa experiencia parlamentaria, ¿que peso cre que tivo ata agora a provincia de Ourense no goberno galego? ¿que propostas plantexa Marea Galeguista para mellorar esta situación, tendo en conta ademais o grao de envellecemento e a perda de poboación desta provincia? ¿e en canto ás súas infraestruturas?

O goberno galego permitiu a morte da provincia de Ourense, converténdoa nun verdadeiro cemiterio demográfico que unicamente xera emigración, paro e falta de expectativas. En Ourense padecen singularmente as consecuencias de anos e anos das políticas do PP: despoboamento, falta de oportunidades, desemprego, etc. o que fai que cada vez sexa unha provincia máis vulnerable e dependente.

Dende a Marea Galeguista non queremos ese futuro para unha provincia con moitas potencialidades. Non queremos nin un país nin unha provincia como a de Ourense na que as familias non teñan a certeza de poder chegar a fin de mes, no que as que marcharon non vexan esperanza de voltar. Sabemos que unha das principais causas do problema demográfico en Ourense é a falta de condicións laborais dignas, por iso desde a Marea Galeguista queremos reverter esa situación, queremos asentar servizos para potenciar un rural vivo e con futuro, apostando polas súas potencialidades, non desmantelándoo como fai o PP.

En canto ás infraestruturas, desde a Marea Galeguista reclamamos un tren digno para a cidade das Burgas, tendo en conta sempre a opinión da veciñanza, pois non se pode propoñer unha intermodal sen contar cos veciños, así como boas conexións entre a cidade e os municipios rurais.

 

 

– En exportación un dos sectores clave na provincia de Ourense é o da lousa, ¿como cre que debe plantexarse o futuro desta actividade extractiva?

A lousa é un material tradicional de gran valor e segue a ter futuro se a extracción se fai dentro da legalidade, minimizando danos ambientais, pero non deixa de ser un recurso non renovable. Ourense debe desenvolver tamén alternativas renovables para garantir un futuro despois da lousa.
O PP creou unhas condicións de desfeita ambiental que até agora non están sendo restauradas, polo que debemos apostar por reverter esa situación. Debemos vixiar que se cumpran as normativas e esixencias en relación á seguridade laboral e tamén ao respecto ao medio ambiente.

– Tendo en conta os resultados das enquisas que están saíndo, ¿cre que realmente Ourense pode ser unha provincia clave á hora de determinar a maioría absoluta ou non do PP?

Descoñézoo, sinceiramente. Verdadeiramente non seguimos moito a actualidade do PP nin de ningunha outra forza. Unha campaña electoral coma esta esixe moita dedicación. As urnas están baleiras e ninguén é dono da vontade das votantes, mais nós concentrámonos en traballar para reconstruír o país, para crear un novo futuro sustentable no que todas e todos participen, porque o futuro dependende todas e todos nós.

– ¿Marea Galeguista apoiaría un goberno alternativo de esquerdas en Galicia?

Apoiaremos un goberno de cambio, progresista. Probablemente sen entrar nel, inda que iso virá determinado polo peso que teñamos. Queremos un goberno que estea disposto a falar con todo o mundo e que só dependa do que digan as galegas e os galegos.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button