ConcellosEn portadaÚltima hora

Pantallas e “salva orellas” elaboradas con impresoras 3D en Valdeorras, para protexerse fronte ao coronavirus

O rues Rubén López puxo en marcha esta iniciativa na comarca, repartindo xa preto de 1.000 unidades

 

Extremar as medidas de hixiene, especiamente nas mans, e protexerse todo o posible, son segundo os expertos as claves para evitar o contaxio do coronavirus. Pero cando se trata dunha pandemia como esta, cunha propagación tan rápida, non hai material de protección (pantallas, guantes, mascarillas) para todos. E aí é onde entran en xogo os voluntarios, xente solidaria con grandes ideas e totalmente altruísta, que bota man do inxenio e tamén dos seus propios medios para axudar á xente do seu entorno.

Un claro exemplo témolo en Rubén López, un xove de Fontei (A Rúa) que puxo en marcha unha iniciativa en Valdeorras, para elaborar pantallas de protección para sanitarios e corpos e forzas de seguridade de todo o oriente ourensán e incluso Quiroga e Ponferrada.

 

Rubén López é de Fontei (A Rúa).

 

“Eu tiña unha impresora 3D e pensei que podía facelas”, di Rubén, animado pola súa muller e un amigo. A idea orixinal non é súa, de feito empezou a fabricar as pantallas dentro dun grupo a nivel galego (Corona Makers), que as distribuía dende diferentes centros loxísticos bastante afastados da comarca, algo que a Rubén non lle parecía ben. “Resulta que levaban xa moito tempo imprimindo por toda España e entereime de que unicamente entregaran dúas ás ambulancias no Barco e aquí xa comezaban a darse positivos polo que crin que era necesario repartir por toda a zona. Aínda que dende o grupo criticáronme, decidín poñerme pola miña conta e protexer á xente de aquí, que estaba abandonada”.

 

As bobinas de material de impresión que quedan das 52 que lles doaron.

 

A través das redes sociais, tan relevantes hoxendía, fixo un chamamento pedindo colaboración porque el tiña a máquina e o filamento pero faltáballe máis material. E a resposta non se fixo esperar. “Empezou a aparecer xente que tiña impresoras, empresas que mercaron algunha… Tamén se xuntou un grupo de xente do Barco e mandaron bobinas de material,… A resposta foi moi boa”, asegura.

 

Material empregado para a fabricación das pantallas.

 

Así conseguíu reunir todo tipo de material e cinco impresoras (agora só ten catro funcionando porque a súa estropeouse), e hai máis xente traballando. Na Rúa son catro cun total de oito impresoras e no Barco outras catro con cinco impresoras. Ao final son trece impresoras traballando co que conseguiron chegar a preto de mil unidades. “Entregamos 990 e quédannos por entregar 239 (130 para Quiroga e o resto para empresas e particulares que as pediron)”, di Rubén explicando que o primeiro que fixeron foron os Centros de Saúde e empezaron a repartir na Rúa, Petín, Larouco, Vilamartín, Sobradelo, O Barco, Rubiá, San Clodio, Viana, A Veiga, Trives, Manzaneda,… E despois tamén entregaron a Protección Civil, Hospital, Policía Local, Garda Civil, asistentes domiciliarios,… e “ás empresas que nos donou material tamén lle demos”, puntualiza. Unha vez cuberto o primeiro obxectivo (persoal sanitario e corpos de seguridade), a idea é que as teña todo aquel que as necesite, incluso a nivel particular, aínda que Rubén lembra que “isto é para protexer das salpicaduras pero non quita que haxa que levar a mascarilla e quedar na casa”.

 

Unha máquina imprimindo “salva orellas”.

 

Agora, ademais de seguir imprimindo pantallas, aproveita certas horas para facer “salva orellas”, unha peza de plástico que se pon nas gomas das mascarillas cirúrxicas evitando que rocen a pel. “Ao final do día este tipo de máscara destroza as orellas e vin que nalgún sitio xa as estaban facendo e un día decidín poñerme eu porque tárdase menos en imprimir. Por exemplo dúas pantallas tardan catro horas e o outro en dúas horas teño 8 pezas”, explica. Comezou cunhas poucas para persoal do Hospital de Valdeorras e agora xa ten moitos pedidos, incluso do hospital de Ponferrada.

 

Unha “chave máxica”.

 

E postos a imprimir, tamén pensou en facer “chaves máxicas”, unha peza de plástico cunha forma peculiar para abrir manillas e pulsar por exemplo o botón do ascensor sen ter que utilizar as mans directamente, aínda que pensa que aquí de momento non fai falta. Agora, “como pantallas xa teñen todos pois o ideal sería que tiveran tamén os salva orellas”, di Rubén, recoñecendo que “sen o apoio e axuda dos particulares, empresas e concellos que colaboraron nada disto tería sido posible”, polo que lles está moi agradecido.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button