Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Papá Noel deixa o Hospital Comarcal Valdeorras en ambulancia

Na tarde do 20 de decembro entregaba os agasallos aos cativos participantes no concurso de postais de Nadal

Dende hai dúas décadas o Hospital Comarcal Valdeorras elixe a postal de felicitación do Nadal a través do concurso interno convocado para os fillos dos empregados. Nesta ocasión foron 59 os cativos que participaron na XX edición no certame, plasmando sobre o papel a súa particular visión destas festas. Imaxes de Papá Noel e os seus renos, dos Reis, do belén, da árbore,…

Algúns son apenas uns trazos mentres que outros inclúen fermosas mensaxes, empregando en moitos casos as mans como plantel, incluíndo materiais como purpurina, algodón e mesmo campaíñas. A forza da imaxinación e o traballo manual elevados ao máximo expoñente.

Por iso non resultou doado o labor do xurado, que elixía un primeiro premio e dous accésit por categoría. De 1 a 4 anos, os debuxos seleccionados foron os de Alicia C. V. (1º premio); Mateo O. M; e Valeria B.M. No apartado de 5 a 8 anos resultaron ganadoras as propostas de Rosi C.R. (1º premio); Valle N.G; e Diana O.M. E xa na categoría de 9 a 12 anos, os seleccionados foron os debuxos de Antón C.V. (1º premio e postal de felicitación do HCV), que xa ganara o ano pasado; Hugo C.R; e Carlos A.M.

A celebración do Nadal no hospital valdeorrés culminaba na tarde do 20 de decembro. Ese día Papá Noel achegábase ata o centro hospitalario para saudar e agasallar a todos os cativos participantes no concurso. E facíao dunha forma moi peculiar. Primeiro permanecía oculto co fin de que os nenos o buscaran polo hospital e unha vez que o atoparon dirixíase ata o salón de actos onde entregaba os agasallos un a un.

A despedida tamén era moi sorprendente. Nin máis nin menos que en ambulancia deixaba este ano o hospital Papá Noel, emprazando aos nenos a unha nova edición do concurso, no vindeiro Nadal.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button