En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Papa Noel e os seus renos visitarán O Barco a través da campaña de Nadal de AEVA e do CCA

Nela participarán 125 establecementos que repartirán rifas entre os seus clientes para o sorteo de 1.000 euros en dez vales de compra

Con novidades chega a campaña de Nadal que desenvolverán ata o 11 de xaneiro a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e O Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Nela participarán 125 establecementos comerciais dos concellos da Rúa, O Barco, Rubiá e Vilamartín que distribuirán entre os seus clientes unhas 65.000 rifas para o sorteo de 1.000 euros, repartidos en 10 vales de compra “por valor de 100 euros cada un para invertir nos comercios da campaña. O sorteo realizarase ante notario o 18 de xaneiro”, tal e como explicaba Pamen Cruz, representante do sector Comercio de AEVA, na presentación da campaña na mañá do 14 de decembro, na que estivo acompañada pola presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes.

Unha das novidades dos actos programados para este Nadal será un espectáculo de animación de rúas que terá lugar o 16 de xaneiro no Barco. “Nel un Papá Noel xigante e os seus renos pasearanse polas rúas da vila e repartirán caramelos a partires das cinco da tarde”, adiantaba a presidenta do Barco CCA.

Ademais nos establecementos tamén se lle dará aos clientes uns vales para que os rapaces que o desexen “podan facerse unha foto con Papa Noel nun photomaton e levala ao instante. O stand instalarase na praza do Concello o próximo día 23 de decembro en horario de cinco a sete da tarde”, engadía Pamén Cruz. E para facilitar que os cativos podan depositar ás súas cartas, tanto a Papa Noel como aos Reis Magos, tense colocado na praza do Concello do Barco un buzón e unha árbore decorada realizada pola Asociación Asfaval.

Por outra banda, Sandra Moldes destacaba que os comercios do Barco CCA agasallarán aos seus clientes con entradas para a pista de patinaxe sobre xeo que se instalará no pavillón de Calabagueiros na semana do 1 ao 8 de xaneiro.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button