EntrevistasÚltima hora

“Para min Barenboim sempre foi un referente”

Miguel Franqueiro, director da Banda de Música de Sober e tubista da Banda de Música de Ourense, tocará coa Orquestra West-Eastern Divan na xira internacional que comezará o 15 de xaneiro
Miguel Franqueiro, dirixindo a Banda de Música de Sober nunha actuación da pasada Feira do Viño de Amandi./ Foto: Carlos G. Hervella.
Miguel Franqueiro, dirixindo a Banda de Música de Sober nunha actuación da pasada Feira do Viño de Amandi./ Foto: Carlos G. Hervella.

En apenas 24 horas, Miguel Franqueiro deixará Galicia para incorporarse como tubista á Orquestra Sinfónica West-Eastern Divan, un proxecto concebido en 1999 polo músico e director arxentino-israelí Daniel Barenboim e polo intelectural palestino Edward Said co fin de aunar o estudo e o desenvolvemento musical co achegamento e compresión entre dúas culturas tradiconalmente rivais.

Participará na xira que esta sinfónica dará a partires do 15 de xaneiro e que incluirá catro concertos ao longo dunha semana: Córdoba, Madrid, Sevilla, e finalmente, xa en Francia, París. Para Franqueiro, director da Banda de Música de Sober, tubista da Banda de Música de Ourense e docente nas escolas de música de Touro (Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra); trátase dunha “recompensa” ao seu traballo como músico, pero tamén dun auténtico reto. Non será a súa primeira actuación cunha orquestra internacional, xa que forma parte dende o 2014 da Hulencourt Soloists Chamber Orchestra, pero si a primeira vez que estará baixo a batuta de Barenboim, un director polo que sente especial admiración.

¿Como xurde esta colaboración coa Orquestra West-Eastern Divan?
Eu asisto a clases co tubista da Scala de Milán e el forma parte desta orquestra. Necesitaban outra tuba e entón el facilitoume o contacto. A verdade é que estou moi contento, é unha recompensa ao traballo. Realmente todos os músicos estamos traballando para poder acabar nunha orquestra coma esta.

A xira comeza o 16 de xaneiro, ¿houbo ensaios previos?
A orquestra xa fixo no verán parte do repertorio, entón vai haber soamente un día de ensaios. Eu vou ir directamente ao ensaio, que é o día antes do concerto, o 15 de xaneiro, e despois xa ao concerto. Dende a orquestra envíanche as partituras e ti tes que traballalas na casa, estudalas e analizalas.

¿Que autores formarán parte do repertorio?
Son catro concertos e vanse tocar obras de Mozart, que neste caso non levan tubas, e tamén obras de Ravel, en concreto tres, nas que si toca a tuba.

Tocar nunha orquestra deste tipo é unha oportunidade, pero tamén supón un reto para un músico…
Tocar con compañeiros novos sempre é un reto, pero trátase de músicos moi preparados e é fácil adaptarse a xente así. Resulta máis complicado se chegas a un sitio no que o nivel igual non é tan alto. Pero, claro que é un reto, tes que facer as cousas moi ben e ser moi meticuloso porque esíxecho a situación e o entorno, pero non me asusta, creo que vai ser unha boa experiencia.

¿Algunha vez pensou que podería chegar a dirixirte un director como Barenboim?
Realmente para iso estudas, tes esa meta. E quen di esa meta, di tamén outras a máis curto prazo para poderte manter traballando e ser realista. Eu tiven a gran sorte de pertencer a Orquestra Sinfónica de Galicia hai anos, becado, e alí traían bos directores, mesmo toquei con Montserrat Caballé. Con Barenboim nunca toquei e, á parte de para todo o mundo, para min sempre foi un referente. A pesar de que hai directores moi bos, a nivel persoal sempre me gustou moito e para min ten un especial significado nese senso.

Falaba antes de que se trata dunha recompensa ao traballo persoal, pero tamén isto supón unha recompensa e un referente para os teus alumnos e para os compañeiros das formacións coas que tocas. ¿Poderíamos dicir que é un éxito conxunto?
Eu creo que si, sempre que un compañeiro meu ou alguén do meu entorno acada un éxito, para min tamén o é en parte porque ao final estás bebendo do que fai outra xente que te rodea. E o pouco músico que son débollo á xente coa que estou e aos profesores cos que estiven e, en certo modo, por suposto que son partícipes disto e eu recoñézollo.

Ademais da participación nesta xira, ¿ve algunha posibilidade de continuar nalgún outro proxecto internacional?
Si, este ano fixen unhas probas para a orquestra de Porto, pasei a formar parte das listas e estou esperando a que me chamen neste 2015. Ademais penso que se agora fago ben meu o traballo na Orquestra West-Eastern Divan seguramente teña oportunidade de repetir, pero hai que ser prudentes.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button