Entrevistas

“Para ser edil hai que ter vocación”

Luis Arias, responsable da carteira municipal de Medio Rural e Cemiterio no Barco, cumpre 25 anos consecutivos na Corporación
O concelleiro barquense, en Éntoma. Foto: Carlos G. Hervella
O concelleiro barquense, en Éntoma. Foto: Carlos G. Hervella

O seu nome aparecía por primeira vez nunha lista nas eleccións municipais de 1987. Era a do PSdeG-PSOE, daquela encabezada por José Luis Fernández. “Propuxéronme formar parte da candidatura. Eu ía de número seis e o partido socialista sacou cinco escanos, pero un ano despois, en maio de 1988, un dos concelleiros marchou para Ourense, correu a lista e entrei”, lembra Arias. Agora, con 76 anos, é o edil máis antigo da Corporación e vén de cumprir 25 anos consecutivos no cargo, por iso coincidindo con ese aniversario o Periódico O Sil convidouno a compartir esa experiencia política a través dunha entrevista. Nela adianta que esta será a súa última lexislatura, “xa di feo ser o avó do Concello”, bromea.

Recoñece que no cargo hai “ratos moi bos e outros moi malos” e que cando o deixe, quedaranlle varias satisfaccións. A maior, a ampliación do cemiterio municipal, algo que completou nesta lexislatura. Ademais, como responsable de Medio Rural, sente especial orgullo por “ganar nas mesas de todos os pobos en dúas eleccións seguidas. Iso quere dicir que o grupo de goberno e o concelleiro responsable non o fixeron mal, que paga pena ter pasado moitos disgustos”. Síntese asemade orgulloso de ter presidido, como edil de máis idade, a constitución de dúas corporacións barquenses nas que foi investido alcalde o socialista Alfredo García.

Salienta que o crecemento do Barco “ten sido abismal”, pero lamenta que hoxe “o goberno actual da Xunta e do Estado estanos deixando co posto, cos fondos do concello. Estamos facendo verdadeiros milagres, mantendo o conservatorio de música, a gardería infantil, a axuda a domicilio, etc. etc sen recibir apenas axudas, porque nolas están recortando todas”.

¿Que o ten impulsado a continuar tantos anos como concelleiro?

Para ser concelleiro hai que ter vocación. Os que imos co gusanillo político e lle queremos ao noso pobo, non miramos o soldo. Cobro 30 euros se asisto a unha comisión, o mesmo que os da oposición, e pola asistencia a plenos. Eu non teño adicación exclusiva. Entrei co posto e sairei co posto, pero coa satisfacción de ter traballado polo meu pobo, fora nas siglas do partido político que fora ou adheríndome con quen tivera que facelo, sempre que fose para conseguir inversións para O Barco. Puxen o meu vehículo para patear os 23 pobos do municipio e asistir a todos os concellos cando me convidaron os pedáneos. Os concelleiros que estamos no grupo de goberno temos unha responsabilidade moi grande e iso asúmelo para traballar polo que che gusta porque non nos chama ninguén, imos porque temos o gusanillo político de estar aí.

¿Como lembra a súa primeira lexislatura como concelleiro alá por 1988?

Foi unha lexislatura un tanto complicada e con moitas tiranteces, que non se asemellaba en nada ás miñas ideoloxías políticas nin progresistas de traballar incansablemente polo pobo. Entrara un goberno tripartito formado polo partido socialista, o CDS e Coalición Galega que lle quitara a maioría absoluta a Alianza Popular. Pero nese tripartito o PSOE, que era o que tiña máis votos, cedeulle a alcaldía a Eulogio Gavela.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Luis Arias, na entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella
Luis Arias, na entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button