ConcellosÚltima hora

Parada de Sil aposta por ser un “destino turístico seguro”

O seu alcalde vén de comunicar aos empresarios unha serie de medidas para lograr ese obxectivo, entre elas, o reparto de material de protección no sector, así como a elaboración dun plan de posicionamento do concello nas redes

Pasarela nas proximidades da Fábrica da Luz. Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Concello de Parada de Sil considérase que a súa ubicación, en pleno corazón da Ribeira Sacra, debe contribuír “no que poida a conseguir que Galicia e Ourense sexan destinos seguros para a nova etapa que se aveciña, cando o Goberno de España e de Galicia así o decidan”, din dende esta administración local.

Nesa liña, o seu alcalde, Aquilino Domínguez, vén de comunicar aos empresarios do municipio unha serie de medidas para facilitar a consecución deste obxectivo. “A semana que vén distribuíranse, en función do volume de negocio, un lote de produtos composto por pantallas, mascarillas FFP2, mascarillas hixiénicas, luvas de nitrilo, dispensadores de xel de parede e unha garrafa de produto desinfectante para axudar no arranque dos establecementos e facilitarlles o cumprimento dos protocolos que está a por en marcha o ICTE (Instituto de Calidade Turística de España) en coordinación coa Xunta de Galicia”, adianta o rexedor.

Aquilino Domínguez tamén anuncia a posta en marcha, de maneira inmediata, dun “plano de posicionamento de Parada de Sil dentro da Ribeira Sacra, nas redes, orientado a atraer posibles visitantes de Galicia, do resto de España e de Portugal, entendendo que isto será posible ao ser Portugal un país que camiña na boa dirección e os desprazamentos pódense facer en coche”.

 

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, nunha imaxe de arquivo.

 

A efectos de que os hostaleiros poidan ampliar a superficie adicada a terrazas, liberaranse as “prazas do concello utilizadas na actualidade como aparcamento de coches e mercarase nos próximos días unha finca céntrica para que veciños e visitantes poidan deixar os vehículos cerca das tendas, restaurantes, centro médico ou farmacia, como ata agora”, prosegue o alcalde.

Por último, e, “dado que os establecementos hostaleiros non puideron abrir e o van a facer ao 50% da súa capacidade ou menos e cunha tempada de dous ou tres meses, o Concello só cobrará no recibo do lixo a cantidade mínima que se cobra en Parada de Sil, que é de 68 euros”, asegura Aquilino Domínguez.

Artigos relacionados

Back to top button