ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Parada de Sil homenaxea ao profesor Emilio Graña

Na súa intervención o homenaxeado defendía a palabra como medio para manter viva a língua galega

No marco da celebración das Letras Galegas, o Concello de Parada de Sil rendía unha cálida homenaxe na mañá do 13 de maio ao sociólogo, profesor e pensador Emilio González Graña, nacido en 1936 no pobo Teimende. Na laudatio, que correu a cargo do profesor Antón Fernández, ex vicerrector da Universidade de Vigo e alumno de Os Milagros, quen destacou a capacidade de Graña e o equipo que capitaneaba para impulsar o ensino en galego, así como os valores que “nos marcarían para sempre como persoas”.

No acto organizado polo concello e presidido pola alcaldesa, Yolanda Jácome, estiveron presentes como xa é tradicional, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a secretaria territorial de Cultura, o primeiro teniente de alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Francisco Magide e o profesor Antonio Carreño, encargado de suliñar a figura de Carlos Casares, a quen vai dedicado este ano o Día das Letras, ante un salón de actos abarrotado de público e insuficiente para acoller aos asistentes.

Orfo de nai de moi noviño, Emilio Graña empezou a escola como alumno da poeta Dora Vázquez na escola do pobo. Fixo os primeiros estudos do bacharelato no Seminario e logo pasou ó colexio que os paúles tiñan en Os Milagros; continuou en Salamanca e Madrid de onde voltou destinado a Os Milagros como profesor, xa convertido en cura.

Alí lideraba, segundo se lembraba no acto, un movemento pedagóxico renovador no colexio do Monte Medo, que se distinguiu “pola defensa do galego, da cultura galega e pola estimulación da conciencia crítica dos rapaces. O centro educativo distinguiuse tamén por facilitar o acceso a fillos de emigrantes e de familias sen recursos, permitindo superar o teito dos estudos primarios, que ata o de entón constituía unha barreira infranqueable, abrindo as portas ó bacharelato e mesmo á universidade”, segundo se destaca dende o Concello de Parada de Sil.

Sen embargo, a presión dos poderes político e eclesiástico da época interrumpiron aquel proxecto e o profesor Graña rematou expulsado e o proxecto educativo dos Milagros pechado. Graña abandonaba daquela a vida relixiosa, casaba e tiña dous fillos. No eido profesional pasou ao ensino público, coa Universidade Laboral como primeiro destino e logo no Instituto Otero Pedrayo, do que foi director e no que permaneceu ata o momento da sua xubilación. Na sua intervención, ademais de agradecer a homenaxe, fixo unha acesa defensa da palabra para manter viva a língua galega e tamén dos alumnos aos que considerou “os protagonistas da educación”.

No decurso deste tiña tiña lugar asemade a entrega de premios do quinto concurso de microrrelatos de Parada de Sil. Nesta ocasión o gañador foi o ponferradino Ricardo Alonso Molina, con “Sonata de Otoño”, a quen lle corresponderon 1.000 euros; o segundo premio foi para a xove escritora arxentina Valeria Lucía de Luca, que xa ten gañado varios galardóns internacionais a pesares da sua curta traxectoria, e que nesta ocasión foi premiada por “La venganza de las palabras”, dotado con 500 euros, en tanto que o terceiro foi para a tamén xove escritora lucense Carla López, con “Lady Soedade”, dotado con 300 euros. O certame está patrocinado polo matemático Eugenio Prieto, natural de Parada de Sil.

A homenaxe a Emilio Graña concluía coa descuberta dunha placa en memoria do recoñecemento na fachada da casa natal do homenaxeado no pobo de Teimende.

Fotos: Concello de Parada de Sil.

Artigos relacionados

Back to top button