ConcellosParada de SilÚltima hora

Parada de Sil liquida o orzamento do 2020 cun resultado positivo de 85.307,41 euros

O "bo nivel de execución do presuposto marcado pola eficiencia na xestión económica permite a Parada contar co nivel de investimento por habitante que no ano 2020 supera os 2.000,00 €", destacan dende o grupo de goberno municipal

 

O Concello de Parada de Sil vén de presentar a liquidación do orzamento do ano 2020 e convocará a comisión especial de contas para aprobar a conta xeral e remitila ao Consello de Contas de Galicia, logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación.

“Os datos obtidos constatan que as liñas de traballo trazadas desde hai tempo están dando os seus froitos e converten a Parada de Sil non só no eixo dun modelo de desenvolvemento económico desta zona ourensá da Ribeira Sacra, senón nun exemplo de desenvolvemento do rural galego e desde unha óptica municipalista e no pleno respecto aos valores medioambientais e rurais”, explica o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, que, nese senso, está a traballar en estreita colaboración coa presidenta da Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil, Mónica Bizarro na posta en valor dos soutos, actuación na que está a colaborar a Consellería de Medio Rural.

No ano 2020, o Concello obtivo un resultado orzamentario positivo na contía de 85.307,41 € e cun remanente de tesourería que acadou os 762.343,28 €. O orzamento do ano 2020, unha vez liquidado, superou os 2 millóns de euros e dos cales 641.663,05 € corresponderon a novos investimentos: dotacións de redes de servizos, acceso a núcleos de poboación, saneamentos e en xeral novas infraestruturas para mellorar a calidade das persoas que viven no concello.

“Este bo nivel de execución do presuposto marcado pola eficiencia na xestión económica permite a Parada contar co nivel de investimento por habitante que no ano 2020 supera os 2.000,00 €, unha cifra moi superior á dos concellos próximos. Dado o nivel de aforro conseguido no ano 2020, este feito permitirá seguir creando novas infraestruturas e seguir mellorando o concello. De xeito inmediato se farán melloras en accesos a fincas en Forcas, Senra, Valdemiotos e outras reparacións, todas elas con fondos propios do concello”, como manifesta orgulloso o alcalde Aquilino Domínguez.

Ademais, engade o rexedor, “para cumprir as promesas electorais e satisfacer as necesidades da veciñanza, xa se proxectan novas infraestruturas como a construción de beirarrúas no Valado e Bouzas, novas redes de iluminación pública baseadas na eficiencia enerxética así como unha liña de subvencións para os sectores e actividades máis afectados pola pandemia do Covid-19 entre outros proxectos”.

Artigos relacionados

Back to top button