ConcellosÚltima hora

Parada de Sil nomeará fillo predilecto ao profesor e investigador Antonio Carreño González

Trátase da primeira distinción deste tipo que outorga este concello co fin de recoñecer a figura deste ilustre veciño, considerado un dos grandes expertos na literatura do Século de Ouro e o máis importante especialista en Lope de Vega
O profesor, investigador e escritor Antonio Carreño./ Foto cedida.

O vindeiro xoves 26 de abril o Concello de Parada de Sil nomeará fillo predilecto ao profesor, investigador e escritor Antonio Carreño González no transcurso dun acto solemne que terá lugar no salón de actos do consistorio. Estará presente a Corporación municipal que preside Yolanda Jácome, e a distinción levará aparellada a concesión da medalla de ouro do Concello.

A decisión, que será sancionada nun pleno inmediatamente anterior ao acto solemne, pretende recoñecer o labor vital e profesional de Antonio Carreño, natural da pequena aldea de Sardela, moi preto propio pobo de Parada. “Herdou do seu pai e da historia da súa terra a vocación de emigrante que acabou por convertilo en cidadán universal. Tal circunstancia, lonxe de afastalo do seu lugar de orixe, agrandou o interese por el, ao que voltaba nas vacacións e cada vez que as suas obrigas lle lo permitían, como recollen nomeadamente as suas Crónicas da Ribeira Sacra, que publica periódicamente”, tal e como se destaca dende o Concello.

A alcaldesa de Parada, Yolanda Jácome, afirma que “para nós é un orgullo que Antonio Carreño sexa orixinario de aquí e que teña a gala as súas raíces. Suliñan os seus compañeiros a paciencia e xenerosidade cos seus discípulos. A elo engaden o sentido da ética profesional e persoal, cousa que nós certificamos ata o punto de que sendo conscentes da importancia do seu talento, a súa categoría humana pasa por enriba de todo elo”. Por iso, engade a rexedora, “o título de fillo predilecto e a medalla de ouro de Parada veñen a reparar en parte a débeda contraída con don Antonio Carreño”.

No seu expediente de honra, cuxo instrutor foi o concelleiro de Cultura, Francisco Magide; recóllese unha escolma de méritos e atributos que fan ao profesor Carreño acreedor do recoñecemento municipal en nome da veciñanza de Parada. Apunta Magide que “na vida de Antonio Carreño debemos valorar dous aspectos distintos pero complementarios: o profesional e o persoal, indisociables á hora de valorar a sua categoría intelectual e o seu sentido ético da vida”.

Antonio Carreño naceu en 1939 e fixo os seus primeiros estudos en León e Sevilla. Cursou Maxisterio en Ourense, obtendo o título de mestre en 1963, que o levou a exercer como mestre rural en distintas escolas espalladas pola provincia de Ourense. Isto permitíulle coñecer con profundidade o rural galego e ás suas xentes. Dotado cun fondo afán de saber e comprender, que aínda conserva, e fascinado polo potencial literario dos Estados Unidos marchou ao país como turista. “Foi un formalismo administrativo, pois en realidade desenvolveuse como o empedernido estudioso que habería de ser toda a sua vida ata hoxe”, apunta Magide Bizarro.

En 1970 graduouse no prestixioso Trinity College de Harford (Connecticut). De aí pasou á mítica Universidade de Yale, que na aquela altura dispuña dun dos mellores departamentos de literatura hispánica do mundo, e na que obtivo un novo máster no 1973 e onde dous anos máis tarde acadaría o doutoramento, ca tese “El romancero lírico de Lope de Vega”, que lle valeu o premio Menéndez Pidal otorgado pola Real Academia Española.

O instrutor do expediente de honra conclúe que “os anos de Trinity e Yale foron decisivos na súa formación, acadando cotas inigualables en coñecementos da literatura hispanoamericana así como na crítica literaria contemporánea, de tal xeito que hoxe é unha das persoas con máis coñecementos sobre a literatura do Século de Ouro español e a que máis sabe sobre Lope de Vega”.

Antonio Carreño impartiu docencia nas universidades de Yale, Columbia, Illinois, Middlebury e na Brown Univer sity, “que sempre considerou como a súa”, di Francisco Magide, “pois alí dirixiu a cátedra na que formou o mellor departamento de literatura hispánica no seu momento, consagrándose como o grande experto mundial en Lope. Precisamente nesta universidade rematou a sua carreira profesional como docente”.

Ten impartido conferencias e cursos de verán por toda América, dende Massachussets a Mar del Plata, Europa e bon número de cidades españolas. Como investigador, o expediente de honra tivo coñecemento “de 32 follas coas publicacións, libros, artigos e conferencias, que forman parte dun vasto labor ao que ainda continúa facendo aportacións”.

É autor de importantes traballos sobre autores galegos como Rosalía de Castro ou Eduardo Blanco Amor ou portugueses como Pessoa ou Camões. A súa terra máis próxima, a Ribeira Sacra, e nomeadamente Parada de Sil, ocupan un lugar importante na sua vida, como reflicte nos libros “Crónicas de un maestro rural. De Boston a la Ribeira Sacra” e “Crónicas desde la Ribeira Sacra. Entre dos mundos”, nos que latexa “o cariño que ten a este seu pobo”. Este amor polo noso queda patente “cando fala dos carros, da xente ou do Belén do señor José, pois con eles está reclamando orgulloso os nosos sinais de identidade, para preservalos, coidalos e transmitilos ás vindeiras xeracións”, segundo recollen as conclusións do expediente de honra.

Dende hai seis anos preside o xurado que otorga o premio ós gañadores do “Concurso de Microrrelatos da Ribeira Sacra-Parada de Sil”, convocado polo Concello de Parada de Sil.

Artigos relacionados

Back to top button