ConcellosParada de SilÚltima hora

Parada de Sil recupera o antigo muíño de cubo dos Carrís

A vontade do Concello é que durante os meses de xullo e agosto, alomenos dous días ao mes, se poida facer unha moenda para amosar como era este labor tradicional a veciños e visitantes

Muíños dos Carrís, situado moi preto do Coutiño, no municipio de Parada de Sil.

 

Moi cerca da localidade de O Coutiño (Parada de Sil) está o coñecido como Muíño de Os Carrís, moi singular por ser un muíño de cubo, que permite acumular auga e aumentar a presión sobre o rodicio aínda que haxa pouco caudal no regato de abastecemento.

Este interesante elemento etnográfico vén de ser recuperado para a súa posta en valor grazas a colaboración entre a familia, Zenón Rodicio, e o Concello de Parada de Sil. O seu alcalde, Aquilino Domínguez, continúa deste xeito a crear sinerxías que “permiten con poucos recursos facer grandes cousas e neste caso aproveitando unha subvención de Rede Natura púxose en valor este muíño”, destaca o rexedor.

Tradicionalmente, antes do seu abandono, no Muíño de Os Carrís moíase trigo, centeo e millo e a vontade do Concello é que durante os meses de xullo e agosto, alomenos dous días ao mes, se poida facer unha moenda que se anunciará previamente para que a veciñanza que o desexe e os visitantes poidan acudir a ver como se facía esta tarefa, “clave na alimentación na zona, pois a inmensa maioría da veciñanza cocía o pan na súa casa ou no forno dun veciño”, indica o alcalde.

 

 

Xunto ao muíño colocouse tamén un panel explicativo que amosa, cuns debuxos, cada unha das pezas desta instalación, ademais da sega do cereal. Tamén contan as peculiaridades de ser dunha soa familia e de ser un muíño de cubo. Así mesmo coméntase a diferenza cos muíños de canle, que son a maioría.

Esta actuación tivo un importe de 24.118,40 euros, sendo aportados pola subvención da Xunta de Galicia 19.933 pola Consellería de Medio ambiente. O alcalde amosa a súa satisfacción co resultado desta recuperación levada a cabo pola empresa Pangea .

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button