ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Parada de Sil rende culto a San Bieito

A celebración, no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, inclúe a tradicional subasta de galos

Como cada segundo domindo do mes de xullo, na mañá do día 10 os veciños do concello de Parada de Sil celebraban a romaría de San Bieito, no entorno no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Ás 12 horas comezaba a procesión co santo, imaxe que é levada polos veciños que se van turnando en grupos de catro persoas, entre elas un ano máis a alcaldesa, Yolanda Jácome. Despois tiña lugar a celebración da eucaristía no interior da igrexa cantada pola coral polifónica Aqua Música de Ourense, e xa fóra do templo a sesión vermú e a tradicional subasta dos galos.

Dende hai anos é Francisco González Bouzo o encargado de subastar os animais (este ano só houbo un que subastaron dúas veces), así como de pasar o cepillo das esmolas para o santo e de ir organizando á xente para levar a imaxe durante a procesión.

O apartado musical da festa correu por conta da charanga Brétema, de Celanova, que actuou durante o xanar no camping e pola tarde na localidade de Castro.

Da organización e cuidado da boa marcha da romaría encargáronse os voluntarios de Protección Civil “cuxa participación foi decisiva para evitar os bloqueos de tráfico dada a complexidade dos accesos ata o mosteiro”, aseguran dende o Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button