EconomíaEconomíaÚltima hora

Parada de Sil rehabilitará catro vivendas para aumentar a súa oferta inmobiliaria

Esta actuación lévase a cabo grazas a un convenio asinado hoxe pola alcaldesa da localidade, Yolanda Jácome, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co que a Xunta lle concede un crédito de 600.000 euros para realizar as obras
Marislol Díaz, Ethel Vázquez e Yolanda Jácome. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Paradas de Sil vai rehabilitar catro vivendas no lugar de Fondo de Vila para polas en alugueiro. Esta iniciativa deuse grazas a unha sinatura dun convenio hoxe, 3 de outubro, entre a alcaldesa desta localidade, Yolanda Jácome, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez. Esta sinatura fíxose na Delegación Territorial da Xunta en Ourense onde tamén estivo a delegada, Marisol Díaz.

Segundo explicou a alcaldesa de Parada de Sil, a súa localidade “tiña necesidades de abranguer novas vivendas” xa que hai moita xente “que vén traballar aquí e se lle fai moi complicado ir e vir todos os días dende Ourense”. Así, dende a súa administración “decidimos adquirir estas vivendas unifamiliares, que estaban en ruínas”, asegurou, para poder aumentar a oferta en Parada de Sil. A rehabilitación sacouse a concurso a través do Colexio de Arquitectos de Galicia, “e presentáronse propostas de toda España e Portugal”, dixo Yolanda Jácome. Finalmente, foi o proxecto do arquitecto ourensán, Pablo Fernández Prol, o que gañou dito concurso.

Ethel Vázquez e Yolanda Jácome asinaron o convenio na Delegación da Xunta en Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

En canto aos cartos que achegará a Xunta tras este convenio, Ethel Vázquez explicou que están enmarcadas dentro dun programa de rehabilitación de vivenda rural da Consellería de Infraestruturas. En concreto é unha liña de crédito “a interese cero”, dixo Ethel Vázquez, coa que o Concello de Parada de Sil beneficiarase de 602.000 euros para devolver á vida a esas vivendas. O consistorio ten un prazo de oito anos para devolver esta cantidade.

Pero Parada de Sil non é o único municipio da provincia que solicitou esta liña de crédito. Ethel Vázquez contou que o Concello da Peroxa, O Barco de Valdeorras e a Gudiña “tamén están en proceso de solicitude”.

A alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, adiantou que as obras empezarán “en tres ou catro meses” e que o prazo de execución está posto en dous anos. Asemade, engadiu que o obxectivo é “destinalas para o alugueiro de calquera persoa”, é dicir, que non serán destinadas para persoas sen recursos ou en risco de exclusión, senón que o obxectivo do Concello é aumentar a súa oferta para a xente que vai traballar a Parada do Sil.

Este convenio abre un crédito de 600.000 euros, a interese cero, para a rehabilitación das vivendas. // Foto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button