EconomíaEconomíaÚltima hora

Paraíso natural no teito galego

A Veiga, destino Starlight, completa a súa oferta turística cun amplo abano de actividades no verán
Lagoa da Serpe, Trevinca (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella.
Lagoa da Serpe, Trevinca (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Praias a máis de 800 metros, un encoro (o de Prada) no que desfrutar de multitude de actividades náuticas, a montaña máis alta de Galicia (Pena Trevinca, con 2.127 m), sorprendentes conxuntos de lagoas ou un dos mellores ceos do mundo para observar as estrelas. Son moitos os atractivos que fan da Veiga un auténtico paraíso para os amantes da natureza e dos deportes. Un abano de recursos que se combina cunha ampla infraestrutura turística e hostaleira e con multitude de actividades, especialmente, durante o verán.

Así entre os meses de xullo e outubro son moi diversas as propostas programadas polo Concello da Veiga. Inclúen ademais un apartado formativo cun curso de guías turísticos (organizado polo Centro de Estudos Turísticos e pola Universidade de Santiago) que se desenvolverá do 11 ao 15 de xullo e que estará orientado cara o turismo de natureza. Nel haberá prácticas nas montañas de Trevinca, cunha ascensión prevista para o día 16.

Asemade o 16 e o17 de xullo celebrarase unha proba de tiro ao prato (en colaboración co Concello) e do 25 ao 31 de xullo un campamento de baloncesto infantil e xuvenil. E neste destino Starlight (recoñecemento que sitúa aos ceos da Veiga entre os 14 mellores do mundo), non faltarán tampouco citas relacionadas coa astronomía. Así do 25 ao 31 de xullo haberá unha actividade de planetario cun carácter didáctico e pensada para todas as idades. Terá lugar na sala de conferencias do Toural e contará coa colaboración da Asociación Xuvenil Cántara da Moura.

Ademais a calidade dos ceos veigueses poderá desfrutarse na observación, programada para o 13 de agosto, da chuvia das Perseidas, coñecidas como Bágoas de San Lourenzo. Esta actividade, dirixida polo experto Óscar Blanco, desenvolverase no Miradoiro Estelar do Rañadoiro e incluirá unha cea, queimada e observación comentada. As persoas interesadas en participar terán a posibilidade de incribirse ata o 11 de agosto na Oficina de Turismo da Veiga.

A gastronomía será outro dos referentes do verán da Veiga. O 12 de agosto farase a segunda edición dunha ruta polos bares deste municipio, con deliciosos e variados pinchos acompañados de viño, que concluirá na praia do Coiñedo. En agosto haberá tamén un concerto, unha carreira popular (o día 20) e o Festival de cine Rubén Riós, entre os días 19 e 21. Este certame forma parte do proxecto “Cine de Verán”, que baixo o lema “Enchamos a provincia de Vida”, celebrarase en dez localidades da provincia. O proxecto reúne dúas obras audiovisuais, o documental “Máis que vida” e a curtametraxe “Vida”, de Rubén Riós. Esta última proxectarase na praza do Toural da Veiga o 20 de agosto ás 22:30h.

Xa en setembro A Veiga acollerá o día 18 unha regata de piragüismo e será escenario, os días 24 e 25, das III Xornadas AstroTrevinca, dirixidas ás persoas interesadas no mundo estelar. Nelas haberá conferencias e observacións astronómicas. E do 30 de setembro ao 2 de outubro impartirase o primeiro obradoiro fotográfico organizado na Veiga. Centrarase na paisaxe de natureza diurna e nocturna neste municipio turístico e contará coa presenza de profesionais como Eva Díez, fotógrafa viguesa; Óscar Blanco, experto en astrofotografía; e Fernando Rey Daluz, biólogo que comparte esta formación coa fotografía e coa ilustración científica. Asemade o Concello da Veiga convocará o I Concurso de Fotografía “Destino Turístico”.

Encoro de Prada (A Veiga,) ao fondo, praia dos franceses./ Foto: Carlos G. Hervella.
Encoro de Prada (A Veiga,) ao fondo, praia dos franceses./ Foto: Carlos G. Hervella.

A parte disto, as persoas que visiten A Veiga nestas datas estivais poderán asistir (durante xullo e agosto) á escola municipal de piragüismo para iniciarse neste deporte ou ben perfeccionalo. Asemade funcionará o Catamarán Santa María de Alberguería, que supón unha oportunidade de pasear dun xeito diferente na paisaxe de auga e montaña da Veiga. E, como novidade, en xullo e agosto impartiranse cursiños de iniciación ao paddle surf no encoro de Prada. Ademais ofecerase un servizo de aluguer de pedaletas acuáticas no encoro e estará aberto o punto de acollida de BTT Trevinca (na praia dos Franceses), que permitirá alugar bicicletas de montaña na Senda Verde do Xares, que percorre o encoro e achégase a praias, aldeas ribeireñas e illas. Tamén será posible alugar as bicicletas na Oficina de Información Turística da Veiga.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button