OurenseÚltima hora

O Parque de Bombeiros de Ourense vai ser comarcal

Xunta, Deputación e Concello selaron este compromiso que beneficiará a 15 concellos da provincia, ademais da capital
Jesús Vázquez, Manuel Baltar e Alfonso Rueda.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantiveron hoxe, 16 de febreiro, unha xuntanza co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para “selar” o seu compromiso para comarcalizar o parque de bombeiros da capital.

Nunha xuntanza mantida en San Caetano (Santiago) os tres dirixentescertificaron a súa vontade política “de avanzar neste proceso que, a partir de agora, entra un proceso de negociacións técnicas e tamén de conversas cos concellos do contorno da cidade de Ourense beneficiados pola medida”, sinalan dende Vicepresidencia. Trátase do segundo acordo destas características despois do alcanzado hai escasas semanas coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

Segundo os datos achegados pola Xunta, a comarcalización do parque de bombeiros de Ourense prestaría servizo a máis de 150.000 persoas e beneficiaría a 15 concellos, incluída a propia capital. Nove deles recibirían atención directa (Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Paderne de Allariz, A Peroxa, Taboadela, Toén e Vilamarín) e, nunha primeira estimación, outros seis terían servizo de xeito complementario (Esgos, Maceda, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas), aínda que terán que ser os traballos técnicos os que definan o modelo ao detalle.

Paralelamente, A Xunta continuará co proceso de comarcalización e de conversas con alcaldes das grandes cidades. Tras Santiago e Ourense seguirán A Coruña e Lugo.

A intención da Xunta é trasladarlle tamén todo o abordado a Pontevedra e Vigo, aínda que depende da Deputación Provincial, que é a que ten a competencia en emerxencias para concellos de menos de 20.000 habitantes e quen participa nos consorcios ao 50%.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, manifestou que a cooperación institucional “foi clave” para acadar este acordo que “redundará nunha mellora na calidade e na prestación de servizos nos municipios da área de influencia de Ourense, coa cidade como centro neurálxico”. O rexedor municipal manifestou que dende a súa administración teñen previsto dotar de 20 efectivos máis ao Corpo de Bombeiros ourensán, que actualmente conta cunha plantilla de 52 membros.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, asegurou que Ourense incorpórase así ao novo Mapa Provicnial de Emerxencias, convertendo á provincia “nunha das mellores atendidas en España”. Baltar afirmou que se trata de “optimizar recursos e duplicar servizos no mesmo territorio”. O xefe do executivo provincial reiterou que o obxectivo é “que os ourenáns teñan un servizo profesional de emerxencias a menos de vinte minutos”.

Artigos relacionados

Back to top button