EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Participantes no proxecto “Economia Ativa no Douro Verde” visitan a D.O. Monterrei

Do grupo formaban parte representantes municipais e emprendedores de Amarante, Baião, Cinfães, Marco de Canaveses e Resende (Portugal)
O grupo, xunto á presidenta da D.O. Monterrei, Lara Silva, na sede do consello regulador.

Case medio cento de integrantes do proxecto “Economia Ativa no Douro Verde” participaban neste 7 de xuño nunha visita organizada polo Consello Regulador da D.O. Monterrei e pola Asociación Ruta do Viño Monterrei. Do grupo formaban parte representantes municipais e emprendedores de Amarante, Baião, Cinfães, Marco de Canaveses e Resende (Portugal). Con esta iniciativa pretendíase amosar o territorio no que se elabora o viño de Monterrei.

O programa principiaba cunha recepción na sede do C.R.D.O. Monterrei, onde o grupo era recibido pola presidenta desta entidade e da asociación da ruta do viño, Lara Da Silva, así como polo equipo técnico. Ademais recibían información sobre a denominación, as súas características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de viño, entre outras cuestións. Despois tiña lugar unha pequena cata de viños de Monterrei. Asimesmo a presidenta expoñíalles a riqueza cultural e patrimonial da zona.

A continuación, visitaban lagares rupestres, o Museo Claustro Mercedario de Verín e o Castelo de Monterrei, tamén se achegaban ata Verín Biocoop S.C.G., para coñecer in situ o labor desta cooperativa gandeira de produción ecolóxica.

Esta acción de benchmarking internacional, que se realizou por primeira vez co proxecto ‘Economia Ativa no Douro Verde’ (promovido por Dolmen -Grupo de Ação Local para o território do Douro Verde- e Associação Empresarial de Baião), “buscaba mostrar o territorio e historia de Monterrei, así como as prácticas enolóxicas e vitivinícolas destinadas á elaboración dos brancos e tintos da denominación”, segundo Lara Da Silva.

“Trátase de vender Monterrei a través dos seus viños e de fomentar o enoturismo na zona, ademais as accións de benchmarking son sumamente interesantes, xa que permiten ás entidades visitantes e ás receptores coñecer, comparar e buscar as mellores prácticas de traballo”.

Artigos relacionados

Back to top button