En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Paseos en limusina, espectáculos de rúa, descontos e música na “Noite Branca” do Barco o 16 de xuño

Nesta iniciativa, promovida polo Barco Centro Comercial Aberto, participan 32 establecementos comerciais da vila

Con novidades se presenta a cuarta edición da “Noite Branca” coa que O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) pretende “de novo non só ofrecer grandes descontos, senón tamén entreter e divertir aos asistentes”. Así o adiantaba a súa presidenta, Sandra Moldes, na presentación do programa de actos desta iniciativa que se celebrará o vindeiro 16 de xuño a partires das oito e media da tarde. Nela participarán 32 establecementos da vila.

“Nesta campaña queremos aproveitar para ofrecer descontos e animar aos veciños a saír á rúa a coñecer os comercios. Ademais a promoción pretende chegar á clientela dos arredores que, atraídos por esta iniciativa decidan pasar unha noite agradable comprando nos establecementos, paseando polas rúas do Barco e desfrutando das actividades de animación”, explicaba Sandra Moldes, quen ademais matizaba que os establecementos participantes ofrecerán descontos do 20% e contarán cunha decoración especial e identificativa. O horario de apertura dos comercios prolongarase ata a medianoite.

Ao seu carón, a vicepresidenta do Barco CCA, Ángeles Rodríguez, comentaba cada un dos ingredientes do programa que incluirá animación de rúa con Troula Animación e o seu espectáculo itinerante “…@s Pallas@s”, degustacións nos diferentes locais, ademais de cantos de taberna co grupo Pándega nos establecementos de hostalaría participantes (Vinum, Divino Paseo, 13/14 e Tapería Al Natural) e pinchos gratuítos de paella.

 

Programa da “Noite Branca” do Barco CCA./ Foto: A.R.

 

“Como novidade este ano, todo aquel que se achegue á praza do Concello co ticket das compras realizadas no horario da “Noite Branca” poderá participar no sorteo de paseos en limusina. Os sorteos realizaranse cada media hora na mesma praza do Concello, o primeiro farémolo unha vez finalizada a primeira actuación. A persoa agraciada poderá pasearse polas rúas do Barco nesa lumusina con chófer ataviado para a ocasión e levar a quen queira de acompañante (sempre respectando o número de prazas dispoñibles)”, destacaba a vicepresidenta do CCA.

 

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button