EconomíaEconomíaÚltima hora

Un paso máis na promoción do Camiño de Inverno

Turismo de Galicia vén de presentar unha nova guía, editada en sete idiomas, que tamén será distribuída a nivel internacional
A nova guía do Camiño de Inverno está editada en sete idiomas.

En abril deste ano a directora xeral de Turismo, Nava Castro, visitaba na Rúa un tramo do Camiño de Inverno despois de ter sido recoñecido oficialmente como ruta xacobea coa aprobación da Lei de Patrimonio Cultural. Uns  meses despois desa visita, Castro presentaba en Monforte de Lemos unha nova guía divulgativa editada por Turismo de Galicia. Unha publicación con información práctica para os peregrinos, que “forma parte do compromiso da Xunta con este itinerario”, explican dende Turismo.

Xa exiten varias guías publicadas pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, pero este novo folleto está editado en sete idiomas e segue o formato dos divulgados para o resto dos camiños. Dispón de contidos sobre o mundo da peregrinación xacobea, a súa historia, ritos ou costumes, que permiten ao camiñante contextualizar a súa experiencia, e ademais, ofrece datos prácticos para os peregrinos: planos, perfís e distancias quilométricas, detalles das etapas e información básica dos concellos que atravesan, os seus recursos e servizos, lugares para visitar, albergues, teléfonos ou webs de consulta, ademais de consellos durante a marcha. Incluso sirve como credencial para selar e obter a Compostela acreditativa da peregrinación.

 

Presentación da guía no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

“O Camiño de Inverno será cada vez máis coñecido”, aventurou Nava Castro durante o acto de presentación, que tiña lugar na tarde do 8 de novembro no Centro do Viño da Ribeira Sacra e no que se congregaron alcaldes, concelleiros, empresarios, veciños e representantes das asociacións de amigos do Camiño de Santiago, entre eles as presidentas da valdeorresa, Asunción Arias e da Ribeira Sacra, Aida Menéndez.

O Camiño de Inverno discorre polas catro provincias galegas. Polos concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, na provincia de Ourense; Quiroga, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Chantada, en Lugo; Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada, en Pontevedra, e Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela. E en palabras de Nava Castro, “esta publicación será tamén un soporte fundamental na promoción de todos eles nas feiras, exposicións, conferencias ou congresos que celebremos en Galicia, no resto de España e tamén no exterior”.

No acto, a directora xeral de Turismo asegurou que malia que “humildes polo de agora” nas cifras de peregrinos no Camiño de Inverno tamén se reflicte xa a influencia do seu recoñecemento oficial “pois no último ano medrou un 172% ao pasar de 272 a preto de 500 peregrinos”.

Artigos relacionados

Back to top button