PolíticaÚltima hora

Patricia Lamela, candidata popular á alcaldía de Larouco

Toma o relevo de Joaquín Bautista, que leva dúas décadas como alcalde deste municipio valdeorrés

 

O actual alcalde de Laoruco, Joaquín Prieto, co presidente provincial do PP, Manuel Baltar, e coa candidata popular á alcaldía de Larouco nas vindeiras municipais, Patricia Lamela.

Novo rostro á fronte da candidatura do PP en Larouco de cara ás próximas eleccións municipais. Patricia Lamela Rodríguez (Larouco 1980) será á candidata popular á alcaldía, tomando así o relevo de Joaquín Bautista Prieto, que logo de dúas décadas á fronte do goberno municipal decidiu que “xa era hora de dar paso a xente máis nova”. Un xesto que o presidente provincial, Manuel Baltar, cualificou de xeneroso “no máis amplo termo da expresión, posto que tamén estará na lista popular para aportar a súa experiencia”.

Patricia Lamela, técnica de auxiliar de enfermaría e odontoloxía, traballando na actualidade na residencia de maiores de Larouco, xa formou parte do grupo municipal de goberno en dous mandatos anteriores “polo que podo aportar a miña aprendizaxe no ámbito local, aínda que o máis importante é que non vou estar soa porque estou rodeada de xente con moitas ideas”.

Sorprendida polo seu nomeamento, a candidata afirma sentirse “moi ilusionada, con ganas de traballar, como o meu equipo, que inclúe moita xente moza deseosa de facer cousas”. Entre elas, sinala Lamela, “loitar por un concello rural evitando que a xente marche, dándolle a oportunidade de que se queden grazas a todas as iniciativas que podamos levar a cabo”.

“Estou moi agradecida a Joaquín Prieto por pensar en min para esta nova etapa e, por suposto, ao presidente provincial por ofrecerme esta oportunidade”, engadiu Patricia Lamela. A mesma gratitude que expresou o actual rexedor, “polo apoio que nestes 22 anos tiven por parte do meu partido”. Prieto comprometeuse a seguir traballando “polo meu municipio, aportando toda a miña experiencia e formando parte da lista do PP”.

Pola súa banda, Manuel Baltar non só recoñeceu “o labor desenvolvido polo rexedor neste tempo, senón tamén a súa capacidade política para propoñer como candidata a unha persoa que ten clara a filosofía de traballo do noso partido, que non é outra que equipo, ilusión e esforzo”.

Carlos Goñi será o cabeza de lista popular por Petín

Carlos Goñi Garrido (Pamplona, 1965) encabezará a lista do Partido Popular á alcaldía do concello valdeorrés de Petín, dentro do proceso de renovación que a formación popular emprendeu no ámbito municipal cara as eleccións de 2019. “Un paso meditado e cheo de responsabilidade –dixo- froito da pasividade que estaba a ver por parte dos actuais responsables municipais”.

 

Carlos Goñi, con Manuel Baltar.

Vencellado profesionalmente ao sector da construcción, Goñi trasladouse a Petín hai anos tanto por cuestións familiares como de traballo, afirmando que como “galego de adopción tamén ten inquedanzas e ganas de traballar polo lugar onde resido e teño a miña vida”.

O candidato popular á alcaldía de Petín di estar convencido de “ter a ilusión e as ganas suficientes para mover un concello no que as miñas prioridades son as persoas, pero de xeito especial os maiores e os mozos. Os primeiros para que teñan uns bos servizos e calidade de vida, e os segundos para garantir o futuro do municipio”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button