Ourense

Patrimonio lúdico

A cidade de Ourense acolle o Encontro europeo de xogos tradicionais
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O ser humano adoita xogar durante toda a súa vida. Non se trata dunha moda, todo o mundo pode e debe xogar. “Os xogos tradicionais forman parte da nosa cultura, constrúen a identidade das persoas e transmítense de xeración a xeración” din dende Brinquedia (Rede galega de xogo tradicional). Por iso “é importante conservar e difundir os xogos tradicionais como parte do patrimonio lúdico, único e irreprazable”.

Partindo desta idea, a cidade de Ourense acollía entre o 20 e o 24 de xuño, co gallo da celebración da Asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, o programa de actividades “Ludaria-patrimonio lúdico europeo”.

Ademais da propia asemblea de socios, o proprama contou con outro tipo de actividades como demostracións de xogos, un coloquio, un encontro escolar galego e a convocatoria de dúas novas actividades con vocación de continuidade: unha xuntanza de modalidades galegas de bolos en Parada de Sil e unha intervención festiva sobre as gaitas de palla.

A programación de Ludaria arrincaba coa apertura no Centro Cultural Marcos Valcárcel, da exposición “Vivimos nun gran trompo”. Segundo explica o comisario da mostra e presidente da comisión organizadora de Ludaria Lois Pardo, “escollimos o xogo do trompo (peón, buxaina, trompa, sevillana, bailarete, danzarico…) por ser un dos xogos máis universais e máis ricos en oralidade en cada unha das distintas comunidades culturais nas que ten presenza”. Considerados como elementos máxicos, empregados por chamáns, bruxos e curandeiros, os seus xiros poden atraer a chuvia, predecir as boas colleitas ou simplemente ser a excusa para que un avó transmita os seus saberes ao neto mentres lles ensina a lanzalo.

Texto: Mónica G. Bellver/ Ourense
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button