DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Paulo Martinho conquista ao público na concentración mototurística Os Esquíos de Trives 2018

Con preto de 400 inscritos, a xuntanza moteira volveu ser un éxito na celebración do XV aniversario

Estaban preocupados polas previsións meteorolóxicas. “Daban alerta amarela por treboada na fin de semana e pensamos que iso ía botar para atrás a moita xente pero foi todo o contrario”, din dende a organización, explicando que a falta dos datos definitivos, tiveron máis de 380 inscritos e “máis xente que só se anotou, por exemplo, para a cea”. Moteiros de 40 motoclubs chegados dende toda Galicia (A Valenzá en Ourense, Xinzo de Limia, Quiroga, Pontevedra, Vigo, Narón,…) e diferentes partes de España como Asturias ou Barcelona con máis de 900 quilómetros ás costas.

 

Membros do Motoclub Os Esquíos de Trives.

 

Cun novo éxito de asistencia, a XV edición da concentración mototurística Os Esquíos “a máis veterana da provincia de Ourense” arrancaba na tarde do venres 6 de xullo coa apertura de inscricións e a festa da sangría con chourizos e, a partires de aí, desenvolvíase o programa tal como estaba previsto. As rutas polas fermosas paraxes da contorna son sempre un dos principais atractivos da xuntanza, xunto á ruta barítima pola vila co tradicional porco ao espeto “ata que só quedaron os ósos”, aseguran dende a organización, e o espectáculo do freestyle portugués Paulo Martinho que un ano máis fixo as delicias dos asistentes o sábado pola noite con espectaculares acrobacias sobre varias motos, un quad, un Ferrari e mesmo un Mini, queimando roda e enchendo de luz o recinto.

O apartado musical da concentración correu este ano a cargo de Os Bertolini e o grupo de versións Gin Toni’s que fixo bailar ao público ao ritmo dos temas máis marchosos dos anos 80 e 90, poñendo o broche á fin de semana o xantar moteiro coa entrega de agasallos e despedida. Un xantar elaborado por un grupo de cociñeiros que igual fan un bo churrasco que elaboran unha “exquisita paella” en palabras dos asistentes. A comida, así como o compromiso e traballo de organizadores e colaboradores, son parte do segredo que fai desta concentración, un dos eventos que máis xente xunta en Trives.

 

O equipo de cociñeiros da concentración.

 

Con todo, a nota triste da fin de semana foi a noticia do falecemento dun moteiro da provincia de Pontevedra que, de camiño á concentración, era vítima dun fatídico accidente no Alto do Rodicio, en Maceda. A el especialmente e a todos os “compañeiros caídos” estivo adicada a ruta de bengalas que na noite do sábado percorreu as rúas da Pobra de Trives. “Parece que se fai como algo estipulado sen máis, pero esa ruta ten un significado moi especial para os apaixonados das motos porque nos lembra que un día estamos aquí e nun momento deixamos de estar”, remata Rafa, dende o Motoclub Os Esquíos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button