En portadaÚltima hora

O pavillón da Rúa acolle este sábado 27 de xaneiro a XI Festa do Codillo

Ermitas Bolaño e Santos Izquierdo serán homenaxeados nun acto previo previsto para as 12:30h. no Centro Cultural Avenida
Asistentes á anterior edición da Festa do Codillo. /Foto: Mónica G. Bellver.

Gastronomía e deporte. Son os dous ámbitos nos que se centrou este ano o Concello da Rúa á hora de elixir aos homenaxeados da Festa do Codillo da Rúa que celebra mañá a XI edición: Ermitas Bolaño e Santos Izquierdo.

Ermitas foi durante media vida a cociñeira e alma do mítico bar Taxi da rúa doutor Vila que vén de pechar as portas despois de cincuenta anos, por xubilación. Ela será a representante do servizo de restauración. O apartado deportivo recaerá a título póstumo, na figura de Santos Izquierdo, presidente da Peña Ciclista da Rúa que promoveu o Gran Premio Cuprosan de ciclismo nos anos 60. “Foi a primeira gran proba profesional de Galicia e mantívose durante varios anos, derivando despois en competicións xa amateur ata que acabou desaparecendo”, explica o alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña, recoñecendo o mérito desta iniciativa.

 

Ermitas Bolaño, cociñeira e alma máter do bar Taxi./Foto: Carlos G. Hervella.

Seguindo a liña do ano pasado, o acto de recoñecemento será ás 12:30h. no Centro Cultural Avenida, e como en anos anteriores entregaranlle unha placa a cada un dos homenaxeados (á familia no caso de Santos Izquierdo), lembrando os méritos que os levaron a tal nomeamento.

E tralo acto institucional, en torno ás 14h. abriranse as portas do pavillón polideportivo do Aguillón “Victorino Núñez”, para acoller o xantar da Festa do Codillo no que os asistentes, poderán degustar un menú composto por consomé con picatostes, codillo con grelos, patacas e chourizo, e de postre bica. Para beber, auga e viño da zona, café e licores. A elaboración e servizo correrá por conta de Mantesil e non faltará a música. Entre os asistentes, coma sempre unha delegación de Almendralejo (vila extremeña irmanada coa Rúa) e a secretaria xeral para o Deporte Marta Míguez Telle que confirmou a súa presenza na homenaxe.

 

Santos Izquierdo, promotor do Gran Premio Cuprosan de ciclismo.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button