ConcellosÚltima hora

O Pazo de Vilamarín acolle un simulacro de busca de persoas con drons

Esta sesión práctica enmárcase dentro do primeiro curso homologado de Piloto de Dron para situacións de emerxencia organizado pola Deputación
Pablo Pérez no simulacro de rescate con Drons en Vilamarín.

O Pazo de Vilamarín acolleu hoxe, 25 de outubro, a primeira das seis sesións das prácticas incluídas no primeiro curso oficial homologado que se imparte en España para pilotos de Drons. Un evento formativo organizado pola Deputación en colaboración coa empresa Aerocámaras.

Na mañá de hoxe, os asistentes a este curso realizaron un simulacro que consistiu na localización dunha persoa ferida nos arredores do pazo. O parque comarcal de bombeiros do Carballiño e o encoro das Conchas, no Concello de Muíños, serán os escenarios das seguintes prácticas, a realizar mañá xoves e o venres.

O presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de Salvamento da Deputación, Pablo Pérez, estivo presente neste simulacro.

Pérez fixo referencia á vaga de lumes acontecida a mediados deste mes asegurando que “a aplicación desta tecnoloxía en situacións de emerxencia ten se cabe aínda máis importancia polo uso que se lle pode dar, por exemplo, á hora de perimetrar un incendio ou advertir da proximidade do lume a zona poboadas”. A busca de persoas desaparecidas ou vítimas entre escombros de vivendas ou edificios son outras das posibilidades que ofrece o uso dos drons nas emerxencias.

Pablo Pérez destacou ademais que na sesión práctica deste venres presentarase unha aeronave híbrida, que utiliza electricidade e gasolina, “o que permitirá aumentar a autonomía de acción destes aparellos en ata catro horas”.

O curso, no que participan vinte profesionais e voluntarios de emerxencias, tamén facilitará a creación no parque comarcal do Carballiño dunha unidade de pilotos especialistas en situación de emerxencia para atender a toda a provincia.

Artigos relacionados

Back to top button