OurenseÚltima hora

Pazolandia prevé unha asistencia de 25.000 persoas entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro

A novidade deste ano é a gran atracción “Miami Rock” que se estrea en Ourense
Imaxe do pasado Nadal en Pazolandia.

Despois de 26 anos, Pazolandia segue sendo o espazo de ocio por excelencia do Nadal ourensán. O maior parque estacional de Galicia, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, abrirá as súas portas no Pazo dos Deportes Paco Paz dende o 26 de decembro ata o 4 de xaneiro de 2019, con dúas sesións diarias, de 11 ás 14 e de 17 a 20 horas (permanecerá pechado o 31 de decembro e o 1 de xaneiro pola mañá), ofrecendo aos máis cativos un completo e variado programa de actividades.

Dende o seu nacemento no Nadal do ano 1993, Pazolandia ofrece máis de cen actividades diferentes que van desde as atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación puntual, ludotecas, así como un multiespazo de videoxogos, obradoiro de realidade virtual, inchábeis,… A novidade deste ano é a gran atracción “Miami Rock” “para todas as idades, que nunca estivo en Galicia e que se estrea en Ourense”, sinalou na presentación o coordinador José Domarco. Así mesmo, tamén como novidade, haberá un espazo singular destinado a “máquinas de realidade virtual interactivas”, un obradoiro de aprendizaxe de manexo de drons e un novo circuíto con patíns eléctricos de tres rodas tipo scooter, sempre coa pretensión de “sensibilizar aos nenos do uso responsable destas novidades tecnolóxicas”, explicou José Domarco.

 

José Domarco e Rosendo Fernández na presentación.

 

Con respecto á distribución, nos exteriores do recinto estarán as actividades dirixidas ao público de maior idade, no pavillón pequeno estarán as dos menores de 6 anos e no pavillón grande ubicaranse as atraccións máis novidosas, deixando o primeiro andar para os obradoiros. O prezo da entrada mantense en 4 euros e, para os nenos que veñen a través dos concellos da provincia o custe da entrada é de 3 euros e poderán adquirirse nas taquillas do recinto ou na páxina www.pazolandia.es.

Nesta edición, prevese unha asistencia de público de 25.000 persoas, das que 4.000 son de máis de cincuenta municipios da provincia que participarán na actividade, explicou o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández quen agradeceu ao persoal do Paco Pazo “o seu traballo, sen o cal non se podería levar a cabo esta iniciativa”.

Artigos relacionados

Back to top button