En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O peche ao tráfico da estrada de San Vicente, en imaxes

A partires das tres da tarde do 1o de marzo, varios operarios enviados pola Deputación de Ourense procedían á instalación dun valado na OU-0807, que conduce á localidade de San Vicente de Leira (Vilamartín). Deste xeito, cortaban a circulación por este vial.

Facíano rodeados polos veciños e polo alcalde vilamartinés, que mantendo a calma pero con gran tristeza, vían como se instalaba este valado de extremo ao extremo na parte da estrada próxima á entrada á localidade. O corte supón, en palabras do alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez; “condenar ao ostracismo a un pobo”. Agora só hai unha pista municipal, que tampouco está nas condicións axeitadas para o tránsito, para poder chegar a San Vicente.

Dende a Deputación de Ourense remitíase na tarde do 11 de marzo un comunicado aos medios de comunicación no que se indica que a decisión de proceder ao corte físico da estrada OU-0807 “obedece estritamente a razóns de seguridade, para velar pola integridade física dos veciños. Esta decisión foi tomada en base aos informes técnicos que acreditan o desprendemento de rochas na parte mais próxima ao pobo e á carencia de base da propia estrada nalgunha parte deste treito”.

Asemade di a Deputación que “ofrecéuselle ao concello mellorar a estrada municipal (con 1,2 quilómetros máis de percorrido que a OU-0807), que dá acceso á do pobo do Mazo e tamén a San Vicente de Leira, co cal este núcleo de poboación non queda incomunicado en ningún momento. Esta adecuación consistiría en obras de pavimentación, mellora do firme, preparación de cunetas, colocación de dobre bionda, todo elo coa finalidade de mellorar a seguridade desta estrada municipal, ademais de facer unha limpeza diaria da mesma, sempre e cando teñamos o beneplácito do Concello de Vilamartín”.

Citando palabras do deputado de Cooperación, Pablo Pérez, o comunicado indica que se lle ofreceu ao Concello “conveniar un transporte para que todos aqueles veciños que así o desexen poidan utilizalo para facer as súas xestións na capitalidade, e comunicóuselle ao Concello que a Deputación de Ourense está disposta a aceptar calquera suxerencia sempre e cando sexa posible legalmente”. A Deputación é consciente “do trastorno que supón este corte físico da estrada, pero se reafirma en que o principal é velar pola seguridade dos veciños”, asegura na nota de prensa.

Fotos cedidas.
Máis información:
https://osil.info/deputacion-corta-estrada-san-vicente-de-leira/

Artigos relacionados

Back to top button