En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Pedaleando pola ELA dende Barcelona ata San Miguel de Bidueira (Manzaneda)

Os irmáns Héctor e Alejandro Rodríguez rematan mañá a ruta en bicicleta de máis de 1.800 km

En novembro de 2011 Felisa Diéguez falecía en San Miguel de Bidueira vítima da ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica), unha enfermidade neurolóxica dexenerativa que ataca ás neuronas encargadas de controlar os músculos que se atrofian e contraen, cunha esperanza de vida media a partir de ser diagnosticada de entre 2 e 5 anos.

De momento non se coñece cura por iso, a xente afectada directa ou indirectamente por esta terrible enfermidade loita para dala a coñecer, para seguir investigando sobre ela e conseguir erradicala. É o caso de dous irmáns, Héctor e Alejandro Rodríguez, os netos de Felisa a quen estaban moi unidos, e que decidían iniciar un reto no que todo aquel que queira se poda unir para “en lugar de ter medo, enfrentarnos á enfermidade e loitar contra ela coas nosas mellores armas: a nosa bicicleta e a motivación”, din os irmáns Rodríguez.

Así nacía o reto do “Camiño da Lembranza”. Un percorrido en bicicleta de montaña dende Barcelona ata o lugar onde naceu e morreu Felisa, San Miguel de Bidueira, no concello de Manzaneda (Ourense), a 200 quilómetros de Santiago de Compostela. A idea era facer unha ruta integramente por montaña, cruzando a península de este a oeste. Primeiro pola vía da “Powerade Bcn-San Sebastián” e despois polo Camiño do Norte dende o País Vasco. Uns 1.800 quilómetros con algo máis de 23.000 metros de desnivel positivo que están a piques de completar.

O 22 de xullo saían de Barcelona e despois de completar o Camiño ata Compostela onde chegaban o domingo, mañá mércores 9 de agosto chegarán a San Miguel, despois de rematar a 16ª e última etapa con saída dende Ourense e parada en Cabeza de Manzaneda.

A ELA é unha das enfermidades máis letais, crueles e irreversibles que existe no mundo, xa que paraliza o corpo ata a morte. Por iso, o reto pedaela e unha iniciativa social e sen ánimo de lucro orientada a dar visibilidade e apoiar a loita a través do ciclismo, grazas a empresas embaixadoras e marcas patrocinadoras, donaciónss particulares e voluntarios, que o fan posible.

Fotos: facebook Reto PedaEla.

Artigos relacionados

Back to top button