SanidadeÚltima hora

“Pedimos que se estabilice o emprego dos especialistas no Hospital de Valdeorras”

Este mediodía tiña lugar nova concentración, convocada pola Xunta de Persoal deste centro, na súa entrada principal

 

Na necesidade de cubrir as vacantes de especialistas que existen no Hospital Público de Valdeorras, no Barco, volvía incidirse na concentración que este xoves se celebraba ás 12h. no exterior deste centro sanitario, convocada pola súa Xunta de Persoal.

“Tense que consolidar o emprego dos especialistas nos hospitais comarcais, como é o de Valdeorras. A cuestión é estabilizar o emprego, fidelizar á xente e facer atractivo o hospital, non ten máis historia, andar buscando atallos non ten sentido”, dicía ante os asistentes á concentración Víctor Pariente, presidente da Xunta de Persoal do HPV.

Ademais anunciaba que este órgano de representación do persoal tivo coñecemento de que a partir do 1 de xuño se vai incorporar unha nova hematóloga ao hospital valdeorrés. “Non é que arranxe os problemas deste hospital porque faltan 21 especialista, de feito aínda coa súa incorporación este servizo segue quedándose coxo, pero a contratación dun médico é unha boa noticia”.

Pola súa banda, Suso Vilasánchez, representante da CIG Saúde na Xunta de Persoal do HPV, amosaba a súa estrañeza porque “quen está ofertando mellores condicións retributivas e laborais aos pediatras do Hospital de Valdeorras sexa o hospital de Verín. Non entendendo como 2 hospitais da mesma área poden ofertar condicións distintas”.

Finalmente, Pariente aseguraba que a Xunta de Persoal ten pendente unha feunión coa xerencia da área sanitaria para a semana que vén na que preguntarán “que pasou con todos os MIR que terminaron a formación”, xa que polo de agora non hai noticias de que se incorpore algún no hospital valdeorrés.

Ademais, Víctor Pariente convocaba á cidadanía a participar na concentración do vindeiro xoves, na que “informaremos puntualmente á poboación. De feito estas concentracións son tamén para que a xente coñeza de verdade que é o que pasa no noso hospital”.

Artigos relacionados

Back to top button