CulturaCulturaEn portada

Pedro Basalo presenta unha comunicación sobre o “Entrudio” vianés nun simposio en Madrid

O investigador vianés Pedro Basalo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha das temáticas que se abordaban no I Simposio anual de Patrimonio Natural e Cultural ICOMOS España, celebrado do 21 ao 23 de novembro en Madrid, era a celebración do Entroido en Viana do Bolo. Neste encontro, que se desenvolvía na Universidade Politécnica, participaba o investigador vianés Pedro Basalo Bembibre, doutorando da Universidade de Salamanca, que presentaba a comunicación “Algunhas consideracións sobre a institucionalización do Entrudio de Viana do Bolo”.

Neste relatorio analizaba o decurso do Entrudio vianés da última parte do século XX en relación coa institucionalización desta festa. “É un período moi interesante porque o proceso de institucionalizar repercutiu de maneira decisiva na configuración actual da tradición”, indicaba Basalo.

A súa comunicación partía das diferenzas entre Entrudio e Carnaval e despois explicaba como a instauración e espectacularización do desfile do Domingo Gordo “comezou modificar as dinámicas e ritos propios do Entrudio ata carnavalizalos”. Por último, avogou por recuperar as tradicións entrudieiras perdidas no seu contexto orixinal (por exemplo as comparsas), así como por restaurar as manifestacións máis arraigadas (como a do desfile do Domingo Gordo), eliminando aqueles elementos se foron incorporando pero que non teñen relación co Entrudio.

 

Desfile de fulións en Viana no Domingo Gordo./ Foto: Torfy.

 

Na mesa na que Pedro Basalo expoñía o seu traballo houbo tamén aportacións sobre o marco xurídico do patrimonio cultural inmaterial, unha análise do papel das mulleres nas tradicións e dous estudos de caso, é dicir, abordábase o tema do patrimonio inmaterial dende varias perspectivas.

Despois das intervencións dos participantes na mesa, na quenda de preguntas xerouse un interesante debate sobre os límites entre os perigos da espectacularización, da banalización ou da fosilización das tradicións. Tamén se discutiu o papel do turismo e a explotación económica nas tradicións que atinxen ó patrimonio cultural inmaterial.

A participación de Pedro Basalo neste simposio foi posible grazas á “colaboración e xenerosidade da Asociación de Fulións Rurais de Viana do Bolo”, destaca este estudoso.

Artigos relacionados

Back to top button