PolíticaÚltima hora

Os populares galegos instan a Fomento a que “non se produzan máis demoras” na A-76

Os populares galegos aproveitaron a súa visita á exposición In Tempore Sueborum para realizar a súa habitual xuntanza de traballo dos luns, previa á Xunta de Portavoces
Os deputados do PP pola provincia no Parlamento de Galicia canda Pedro Puy. // Foto: Carlos Asensio.

O grupo popular no Parlamento de Galicia, con Pedro Puy á cabeza, mantivo hoxe, 29 de xaneiro, unha xuntanza de traballo para abordar as diferentes cuestións e iniciativas nas que traballan nas diferentes comisións e sesións plenarias, así como os temas a tratar nas Xuntas de Portavoces dos martes. Canda eles tamén estivo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Os populares aproveitaron a invitación da Deputación para visitar a exposición In Tempore Sueborum, para facer esta xuntanza en Ourense.

Na parte das Infraestruturas, a autovía A-76, que unirá Ponferrada con Ourense a través de Valdeorras, centrou parte do seu discurso. Neste senso foi o deputado do Barco de Valdeorras, Moisés Blanco, o que deu conta deste tema. Preguntando polos prazos e a evolución do proxecto, o popular valdeorrés dixo que dende a Xunta de Galicia “estámoslle instando a Fomento a que se axilice e que se execute canto antes e non se produzan máis demoras” para vertebrar a comarca de Valdeorras con Ourense. En concreto asegurou que, actualmente, está pendente de alegacións un tramo que vai dende A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras e “tamén se executou un pequeno tramo na zona de Monforte”. Blanco reiterou que “o proxecto vai adiante e non queremos que se demore máis”. Neste eido, Pedro Puy declarou que “houbo quen pediu -por en Marea- que esta obra non se executase”.

Tamén os populares estarán “pendentes” do Ministerio de Fomento en materia de Alta Velocidade. “Todos os tramos están en obras”, dixo Pedro Puy, e remarcou que “no 2019 chegará a alta velocidade en probas e, no 2020, estará operativa, xa que o Ministerio garante que, a pesares de non haber orzamentos, os investimentos continuaranse realizando”. Nese tempo tamén inaugurarase a Estación Intermodal de Ourense, na que a Xunta encárgase da Estación de Autobuses e do aparcadoiro soterrado, mentres que a terminal ferroviaria correspóndelle a Adif.

Tamén salientou a polémica reforma da Lei de de Saúde, “que divide Galicia en sete grandes áreas sanitarias”, dixo, desaparecendo así a do Barco de Valdeorras, entre outras. “Se todo vai ben, levarémola a Pleno na seguinte sesión”. Segundo resaltou o voceiro, o que pretenden esta reforma é “sen aumentar e reducir o custo”, mellorar o rendemento. Tamén asegurou que esta nova reforma sanitaria vai “permitir mellorar a asistencia aos pacientes, aproximando a asistencia e os servizos e non facendo ao cidadán desprazarse”.

Puy recalcou que tamén axuda a consolidar o modelo das actuais EOXI que “evitaron nos últimos anos 260.000 desprazamentos de persoas enfermas, ou que tiñan que facer unha revisión, dende os hospitais comarcais aos das grandes cidades”. Nese senso recalcou que “é unha grande mellora” e que por iso a ían apoiar.

Tamén remarcou que en Ourense o Goberno Galego está a facer “grandes investimentos” nesta materia. “Xa temos cumpridas 2 das 4 fases do Plan Director” do CHUO e coa nova ampliación do Hospital “dispoñemos de preto de 1.000 camas” e lembrou a rehabilitación da antiga área de hospitalización, “que xa está en marcha”. En definitiva, dixo que no PP “temos un compromiso coa Sanidade en Ourense”.

Ao mesmo tempo, falou sobre o novo proxecto de Lei sobre o uso lúdico das augas termais. Concretamente o Consello da Xunta aprobou, o xoves pasado, a tramitación desta lei. “Do que se trata é de facer compatible este uso lúdico e turístico co, xa regulado na Lei de Balnearios, do uso terapéutico”.

Texto: Carlos Asensio. 

Artigos relacionados

Back to top button