PolíticaÚltima hora

Pedro Sánchez: “faremos limpeza do nepotismo, machismo e corrupción en Ourense plantando cara ao presidente da Deputación”

O candidato alientou á militanca a mobilizarse e avogou pola democracia interna como principal solución aos problemas do partido

O candidato a Secretario Xeral do Partido Socialista, Pedro Sánchez, xuntou onte aos socialistas da provincia no salón de actos Marie Curie do edificio de Ciencias do Campus de Ourense. O candidato non quixo facer declaracións previas nin posteriores á súa intervención no anfiteatro. Unha vez dentro, foi recibido cunha gran ovación por parte da militancia e dos alcaldes e cargos socialistas da provincia.

O primeiro en intervir no evento foi o voceiro do Grupo Municipal Socialista de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, quen lle deu a benvida ao candidato á Secretaría Xeral: “Pedro, como ves, estás na túa casa”, dixo. Seguidamente agradeceulle a Sánchez o terse presentado ás primarias. Barquero concluíu o seu discurso falando da xestora: “aqueles que viñeron que só viñan xestionar e non viñan facer política”, asegurou, e arremeteu contra o transversalismo: “nós non somos neutros, posicionámonos, sabemos onde queremos ir, estamos na esquerda, somos socialistas”.

Logo de Barquero foi a quenda de Ignacio García, alcalde de Ribadavia. O rexedor municipal aseguroulle a Sánchez que tiña o apoio dos alcaldes socialistas da provincia xa que “aquí estamos o 90% dos alcaldes socialistas de Ourense”, asegurou. Finalmente, García fixo un chamamento á loita contra a corrupción e contra a prevaricación: “nós actuamos en defensa daqueles que menos teñen e facemos cos cartos públicos que á xente lle vaia mellor, non como fai o PP”.

Pola súa banda, a deputada socialistas pola provincia de Ourense no Congreso dos Deputados, Rocío de Frutos, lembrou a súa lealdade co candidato, xa que foi das poucas que votou non ao Goberno de Mariano Rajoy. A deputada isnsistíu en salientar a grande labor de Sánchez e rematou salientando a importancia do Partido Socialista en España e Europa.

Tras de Frutos foi a quenda de Pedro Sánchez, quen empezou a súa intervención lembrando a Manuel Suárez Castro, o alcalde socialista de Ourense que morreu fusilado no 1937 pola ditadura franquista. Sánchez comezou falando do seu proxecto: “participativo e crible para dicir si” (O lema da súa campaña é Sí e Sí). O candidato asegurou que ese “si” é “optimista, ilusionador e defuturo”.

Entre os proxectos que levará a cabo se sae elixido como Secretario Xeral está “o pacto pola educación e a derrogación da LOMCE, o pacto contra a violencia de xénero, a limpeza da corrupción, nepotismo e machismo da vida pública, tamén en Ourense, plantando cara ao presidente da Deputación”, remarcou. Sánchez pediulle á militancia que non quedasen quietos, que se mobilizasen “e convertamos estas primarias no quilometro cero do cambio político”. Asegurou que hai que facer do PSOE “un partido unido” e insistiu en que a democracia interna é o mellor xeito de resolver os problemas do partido. Pedro Sáncez foi claro ao dicir que “o inimigo non está dentro, ningún socialistas é o noso adversario, o adversario está fóra e chámase Partido Popular”.

O socialista dixo que a partires de maio, tras as primarias, terán que pórse a traballar “todos xuntos e con lealdade ao Secretario Xeral”. Avogando pola social democracia, Pedro Sánchez remarcou que o proxecto do PSOE é facer un estado laico, que suprima o acordo coa Santa Sede; apoiar aos máis mozos “o futuro” e que non marchen por non teres oportunidades. Tamén salientou a importancia de axudar aos pensionistas “retomando o pacto de Toledo” e de dar máis cobertura aos autónomos. Tamén fixo referencia á relación co PSC: “cando eu era secretario xeral as relacións con Cataluña e o PSC eran moi boas, e non se concibe o PSOE sen os socialistas cataláns ao igual que tampouco Cataluña sen España nin España sen Cataluña”.

Pero a base do discurso que Pedro Sánchez pronunciou na Universidade foi a de que a militancia “é o máis importante e por iso, cando eu sexa secretario xeral, farei obrigatoria a consulta á militancia en materia de pactos”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button