Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Pedro Sánchez: “Para que ninguén quede atrás en Galicia necesitamos gobernos comprometidos”

O presidente do goberno español respaldaba ao candidato socialista Gonzalo Caballero nun acto no que pedía a mobilización do electorado o 12X

 

“A fórmula do PP para responder ás crises é o sálvese quen poida e, fronte a iso, está a postura e a posición dun goberno firme, cunha clara vontade de non deixar a ninguén atrás. Ou sálvese quen poida ou non deixar a ninguén atrás, ou o PP ou o PSdeG. E para que ninguén quede atrás en Galicia necesitamos gobernos comprometidos en Madrid e en Santiago e por iso hai que votar a Gonzalo Caballero como presidente da Xunta de Galicia”. Era a mensaxe coa que o  secretarario xeral do PSOE e presidente do goberno español, Pedro Sánchez, finalizaba o acto electoral socialista celebrado neste mediodía no Xardín do Posío en Ourense.

Era o primeiro mitin no que participaba Sánchez tras finalizar o estado de alarma e nel amosaba o seu respaldo ao candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións do 12X, Gonzalo Caballero. As súas primeiras palabras eran de gratitude para todos os traballadores esenciais que “estiveron nesas semanas tan duras en primeira liña e que fixeron que España non se parase”. Tamén resaltaba a “disciplina, solidariedade e espírito vitoria” fronte ao Covid-19 “demostrado nesas semanas pola sociedade galega e española”.

O que está sucedendo nesta crise, fronte a crises anteriores como a de hai 10 anos, é que por fin Europa entendeu que temos que dar unha resposta común, conxunta para recuperar a actividade económica e a creación de emprego. Niso está traballando o goberno de España dende o primeiro segundo. ¿E que é o que fixo o PP? Vai a Bruxelas a dicir que os fondos de recuperación para España deben esixir unha ultracondicionalidade. Non sei a que se refiren, eu esíxolle ao PP que na negociación que o goberno de España está tendo en Bruxelas se sitúe ao lados dos intereses de España e non en fronte, como están facendo durante estas últimas semanas, porque se perdemos non perde o goberno de España, perde Galicia e perde España. Todo iso é o que nos estamos xogando a partir do próximo 12X”.

 

 

Por todo iso, concluía Sánchez, “a min non me cabe dúbida de que a esquerda ten que volver a mobilizarse en Galicia para cambiar as cousas e ter un goberno progresista con Gonzalo Caballero á fronte. Para iso pido o voto, para saber que á fronte da Xunta de Galicia o goberno de España ten un aliado en todos retos e desafíos que temos por diante”.

Antes de Pedro Sánchez tomaban a palabra neste mitin o secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, quen cualificaba de “excelente” ao candidato socialista á Xunta e de “brillante” á cabeza de lista por Ourense no 12X, Marina Ortega, que “vai iluminar o futuro desta terra”. Deseguido, Marina Ortega, destacaba a importancia destas eleccións galegas e defendía o traballo realizado polo goberno central para loitar contra a pandemia en contraste coa xestión da Xunta de Galicia. “Esta crise é un reflexo de como actuou a Xunta nestes últimos 11 anos: desidia e inacción, marketing institucional, ausencia de medios…”, dicía.

Ortega referíase tamén ao abandono do rural do actual goberno galega e aludía á importancia de apoiar á sanidade, mencionando en concreto aos hospitais comarcais do Barco e Verín, e lembrando o intento da Xunta de pechar o paridoiro deste último. E indicaba que “non hai nada imposible, se nos mobilizamos o 12X temos a posibilidade de contar cun presidente socialista en Galicia”.

A cabeza de lista ourensá daba paso ao candidato socialista á Xunta, Gonzalo Caballero, quen destacaba que comeza esta campaña “con todas as ganas, forza, ilusión e co compromiso de loitar por unha provincia de Ourense mellor. Galicia non se pode resignar, este país necesita abrir unha nova páxina, temos que apostar polas políticas de progreso”, aseguraba.

Caballero: “Convocaremos 5.000 prazas estables para profesionais sanitarios no Sergas”

Ademais Caballero facía balance do que supuxeron 11 anos da dereita en Galicia, “nos que se destruíron 70.000 empregos, Feijóo recurtou en 2.000 millóns de euros o investimento en sanidade, reduciu en 500 camas as camas hospitalarias nos hospitais públicos e varios centos nos privados, optou por un modelo de privatización das residencias para maiores, abandonou o medio rural, recortou en educación… Todos os indicadores relevantes da nosa comunidade foron a peor con este goberno do PP, foron peores en servizos públicos, en poboación, en oportunidades, en emprego, en sanidade… E é por iso que nós temos que dar neste momento un proxecto de país. Dunha crise como esta hai que saír con políticas progresistas, defendendo á cidadanía. E aquel que recortou en sanidade, que privatizou as residencias e maiores, que destruíu emprego durante 11 anos non está en condicións de poder liderar unha reconstrución de futuro para o noso país”.

 

 

O candidato socialista plantexaba un compromiso claro “co estado de benestar, coa defensa dos servizos públicos, cunha política económica que priorice ás persoas. Un programa que permita revitalizar ao noso país, queremos apostar por un fortalecemento claro da sanidade pública, universal e gratuíta en cada un dos lugares de Galicia, imos manter o noso compromiso cos hospitais comarcais de Galicia e na próxima lexislatura convocaremos á fronte do goberno da Xunta 5.000 prazas estables para profesionais sanitarios no Sergas para darlle a Galicia a sanidade que necesita no século XXI”. Ademais defendía, entre outras medidas, unha “política industrial a pé de Galicia”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos:
https://osil.info/alguns-alcaldes-socialistas-ourensans-entre-os-asistentes-ao-mitin-de-pedro-sanchez/

 

 

Artigos relacionados

Back to top button