Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Pedro Sánchez recala en Ourense e pide o voto polo “cambio”

O secretario xeral do PSOE insta a Feijóo a que medie ante Rajoy para “que bote a Baltar, se de verdade cre na rexeneración democrática”

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, é o terceiro líder da política nacional que se suma á campaña electoral en Galicia e que fai parada en Ourense. Así, nun xantar-mitin que tivo lugar hoxe nas instalacións de Expourense, o socialista pediu o voto para propiciar “o cambio” na Xunta, un cambio que ve posible “baixo o timón de Xaquín F. Leiceaga”. Máis de 300 persoas asistiron a este acto no que tamén interviñeron Carmen Dacosta como número 3 da candidatura por Ourense, Noela Blanco, cabeza da lista ourensá, e o propio Xoaquín F. Leiceaga, que fixo un chamamento especial ao voto dos indecisos.

Dacosta foi a encargada de abrir o mitin agradecendo ao seu líder o “non” á investidura de Rajoy como presidente do goberno e loando a figura de Leiceaga como candidato á Xunta. Tamén aproveitou para pedir compromisos dos seus dirixentes para Ourense, como o proxecto da estación intermodal da cidade.

Noela Blanco tomou a palabra a continuación, rompendo co protocolo e pedindo que subise toda a candidatura ourensá ao atril. Unha vez arroupada polos seus, a ourensá criticou aos populares e puxo a Leiceaga como exemplo de orgullo: “eles teñen que esconder o logo nos carteis porque non fixeron nada ben”, expuxo, e continuou: “pero Xoaquín pode erguer con orgullo as siglas, a nosa rosa e o noso puño”. Tamén sacou a escea o plan termal da Deputación de Ourense, que segundo dixo, se encontra “paralizado”. “Botar ao PP nesta provincia significa botar a Baltar”, lembrou.

O Partido Popular tamén foi branco das críticas de Leiceaga. O candidato do PSdeG-PSOE á Xunta convidou a “non deixarse engañar”, ao entender que as políticas de Feijóo “son as de Rajoy e de Baltar” e pediu o voto para desbotar o camiño “de retroceso nos servizos públicos”. Así, comprometeu un plan de emprego para acabar co desemprego e que incida no retorno dos mozos emigrados e o financiamento do copago na sanidade. “Son 65 millóns de euros ao ano, témolo calculado”, dixo, matizando que sería para as rentas por debaixo do umbral dos 18.000 euros anuais. “Nós somos a garantía de que ese outro camiño está aberto”, engadiu.

Pola súa banda, Sánchez definiu ao candidato popular como unha persoa á que “lle ocupa e lle preocupa máis o sillón de Rajoy” e criticou as políticas de austeridade do PP. “Nós abrimos o que a dereita pecha”, manifestou e engadiu: “estou convencido de que cando Xoaquín entre na Xunta, o primeiro que vai facer é quitar o cartel de que se vende a sanidade”. Quixo tamén mostrar distancias cos restos dos partidos candidatos remarcando que “non somos un conglomerado de siglas” e falou tamén da política nacional. Neste senso, apuntou á intención do PP de “querer converter a mayoría absoluta en absolutismo” e criticou tamén a Ciudadanos e Podemos, culpándoos da actual situación de bloqueo. Por último, tamén se referiu ao presidente dos populares en Ourense: “esixo a Feijó que lle diga a Rajoy que bote a Baltar, se de verdade cre na rexeneración democrática”.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button