CulturaCulturaÚltima hora

O PEN Galicia e o Ateneo renden unha sentida homenaxe ao poeta Víctor Campio Pereira

O PEN Galicia e o Ateneo de Ourense rendero hoxe, 19 de outubro, unha sentida homenaxe ao poeta e docente xubilado Víctor Campio Pereira González (Maside 1928). Colaborador habitual das actividades culturais da Cidade das Burgas nos últimos anos da ditadura e na democracia, escribiu en revistas e en xornais. A homenaxe tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, sede provisional do Ateneo.

Este escritor ten publicados catro poemarios (“O ar que nos leva”; “Perdida luz”, “O aire, a luz e o canto”. “Poesía reunida 1987-2006” e “Quince sonetos de amor e once poemas máis”), así como unha novela (“Baixo o sol do Magreb”) e ensaio (“Escritos en do menor”). Colaborou ademais en obras colectivas como “Sete poetas ourensáns”, “Poesía dos aléns” e “Poetas e narradores nas súas voces. II.”.

Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega no 2010, fillo predilecto de Maside no mesmo ano e membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2011. No 2012 obtivo o Premio Sete Carballas da Insua dos Poetas.

Baixo o título “O aire, a luz e o canto” foron moitos os que acudiron e interveron nesta homenaxe. Entre eles o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que loou o gtraballo a prol das letras galegas que Víctor Campio realizou “tanto desde o ámbito da creación como desde a prensa ou o ensino”; un traballo que, en palabras de García Gómez, “ben merece o recoñecemento de todos canto estamos aquí e, tamén, de todos os galegos que aman a súa lingua”.

Neste acto tamén tomaron a palabra a presidenta do Ateneo de Ourense, Isabel Salgado; o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o académico da lingua galega, Xesús Alonso Montero e os poetas Edelmiro Vázquez Naval e Manuel Outeiriño. Durante o encontro púidose escoitar o acordeón de Celia Adrián Rodríguez, así como poemas de Víctor Campio recitados por Marisa Calvo e por Carmen e Isabel Pereira Nolasco.

Fotos: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button