Concellos

Pena Trevinca e as directivas europeas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncia publicamente a situación do LIC e ZEPA de Pena Trevinca, co incumprimento de catro directivas europeas

Esta entidade remitía o 16 de xullo unha nota de prensa na que lembraba que hai 11 anos a Consellería de Medio Ambiente iniciaba o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca polo que dende entón está legalmente prohibida “a realización de actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica” do espazo natural de Pena Trevinca.

Ademais a SGHN indicaba que hai 6 anos a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible licitaba a contratación da redacción do PORNa do LIC Pena Trevinca cun prazo de execución de 14 meses e un 70% de cofinanciación da Unión Europe e que “rematado hai 3 anos o prazo e pagada a asistencia técnica con fondos europeos, o PORNa de Pena Trevinca aínda non se aprobou e nin siquera se someteu a información pública. Aínda máis a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non respostou ao escrito de SGHN de 26-11-2012 solicitándolle que informase sobre o estado actual de tramitación do PORNa de Pena Trevinca e que detivese a destrución do LIC e ZEPA de Pena Trevinca polas explotacións de lousa a ceo aberto”.

Nesta mesma liña, a SGNH asegura que “o silencio por resposta da CMATI supón un incumprimento da Directiva 2003/4/CE, relativa ao acceso do público á información medioambiental. A deixación de funcións da CMATI, quedando de facto desprotexida a ZEPA e LIC Pena Trevinca, constitúe un incumprimento flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres. Ademais, a deixación de funcións da CMATI e da Confederación Hidrográfica do Miño Sil (hai 6 km de cauces fluviais desaparecidos pola explotacións de lousa) incumpre a Directiva 2000/60/CE pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de aguas. Por todos estes motivos, SGHN ven de denunciar a situación do LIC e ZEPA de Pena Trevinca, co incumprimento das devanditas catro Directivas, diante do Comisario Europeo de Medio Ambiente”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button