OurenseÚltima hora

“Pensando cos pés”, de Noemí Lorenzo, este xoves na Galería de Sargadelos de Ourense

Os visitantes poderán interactuar e completar a mostra pisando cos seus zapatos unha composición de parede e chan

O Colexio de Podólogos de Galicia inaugurará este xoves, 7 de setembro, a exposición “Pensando cos pés” na Galería de Sargadelos de Ourense, situada na avenida da Habana número 12. A inauguración está prevista para as 20:30 horas.

Este proxecto artístico está inspirado nas fotografías da campaña #Selpie, unha iniciativa que se fixo para celebrar os 20 anos da entidade e que está pensada “para informar á cidadanía sobre a figura do podólogo e a importancia de realizar un correcto coidado dos pés”, informan dende o Colexio.

Estas imaxes da campaña #Selpie foron a base para crear esta mostra, ideada pola artista e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Noemí Lirenzo. Esta artista proxectou as fotografías para crear os debuxos inspirados, eliminando todo o externo das imaxes e centrándose nos pés. Segundo explicou, utilizou de referencia “aquelas fotos nas que aparecían os pés espidos, sen ningún tipo de calzado nin accesorio, para crear debuxos con lápices de cores e grafito”.

Lorenzo sinalou que tamén realizou un conxunto de debuxos en tinta negra, con diferentes visións dun mesmo pé, e tamén rotando sobre si mesmo para estudar a evolución do movemento dende unha visión plana e frontal. Noutro conxunto, a artista pretende amosar as tres dimensións da realidade dos pés: “Este conxunto quere transmitir e pór en valor a importancia das nosas extremidades inferiores”, apuntou.

A colección presenta unha serie con debuxos en tinta negra.

Para o cuarto apartado da mostra, Noemí Lorenzo toma como punto de partida outros traballos anteriores, que á súa vez se baseaban na obra do grupo francés Support-Surfaces. É unha peza de parede e chan na que os visitantes poderán completar o traballo deixando a pisada dos seus zapatos mentres pasean pola sala de exposicións. Ademais, a parte da obra que está no muro leva un ritmo de pisadas da propia artista, onde traballou coa diferente carga matérica de tinta na planta dos seus pés.

Noemí Lorenzo indica que, con excepción da peza que vai do muro ao chan, o resto son traballos de pequeno formato “nun intento de aproximar ao público á intimidade cos pés e coa obra”.

A exposición poderase visitar ata o 30 de setembro, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:30 e 16:30 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. A mostra percorrerá a continuación outras cidades galegas.

Nesta obra, a artista deixou as súas propias pegadas. 

Artigos relacionados

Back to top button